Skip to main content
Lugo

Investigadores da USC interveñen nunha nova campaña en Groenlandia

Por 11 Setembro, 2023Setembro 12th, 2023Sin comentarios

O coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da USC e investigador do Cretus, Xosé Lois Otero, dirixe os traballos de análise xeoquímica dos solos, sedimentos e augas do proxecto e permanecerá na illa danesa ata o 9 de setembro.

O proxecto de investigación Neoarctic (Reconstrución de neoglaciares, oscilacións e variabilidade do clima en Groenlandia e Islandia) desenvolve unha nova campaña científica na rexión ártica para estudar se as mudanzas climáticas que se están a experimentar na zona, cun notorio incremento das temperaturas e aceleración do desxeo, responden a patróns xa presentes nos rexistros xeolóxicos ou amosan os efectos amplificados da inercia climática global.

Ata o 9 de setembro, o profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e coordinador da Rede de Estacións Biolóxicas da institución, Xosé Lois Otero, permanecerá en Groenlandia para colaborar nos traballos de mostraxe deste proxecto no que asume a dirección do exame xeoquímico dos solos, sedimentos e augas da rexión. Os resultados da mostraxe serán despois analizados nos laboratorios do Centro Interdisciplinar de Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da USC, ao que tamén pertence o investigador.

Esta nova expedición científica do proxecto Neoarctic, liderado polo profesor da Universidade de Barcelona Marc Oliva e con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España, dá continuidade á desenvolvida entre xullo e agosto de 2022 na illa de Ellsmere (Canadá) e no casquete glaciar de Groenlandia. O equipo investigador céntrase agora na contorna de Ilulissat, na costa occidental da illa danesa, para tomar mostras de glaciares rochosos, así como de permafrost, augas e solos. Canda Xosé Lois Otero e Mar Oliva participan tamén na expedición os investigadores Ignacio López, do Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC, e Enrique Serrano, da Universidade de Valladolid.

O obxectivo da campaña é caracterizar a variabilidade climática destas rexións árticas durante os últimos milenios a partir do estudo dos sedimentos dos fondos dos lagos. Procúrase, ademais, reconstruír as oscilacións dos glaciares durante este período como consecuencia dos cambios climáticos e entender as mudanzas xeoecolóxicas (que afectan a solos, augas, e vexetación, entre outros elementos) que se están a dar nas marxes da rexión ártica.