Skip to main content
Lugo

Tomé recibe ao Ministro de Asuntos Exteriores no Pazo de San Marcos

Por 7 Setembro, 2023Setembro 9th, 2023Sin comentarios

Esta tarde os dous dirixentes participarán na inauguración da Conferencia de Alto Nivel que acolle Lugo como motivo da Presidencia Española do Consello da UE, onde se debaterán e tomarán decisións sobre envellecemento, cohesión territorial e reto demográfico.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, ofreceu este xoves no Pazo de San Marcos unha recepción institucional ao ministro en funcións de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares. Un encontro que se produce con motivo da súa asistencia á Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento da Unión Europea que ten lugar hoxe e mañá en Lugo, organizada no marco da Presidencia Española do Consello da Unión Europea. Esta tarde, ambos dirixentes, xunto á comisaria de Democracia e Demografía da UE, Dubravka Suica, e da Alcaldesa da cidade, Lara Méndez, inaugurarán a conferencia.

Na recepción tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o senador por Lugo, César Mogo, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

O mandatario provincial agradeceu a visita do ministro a Lugo, e en particular á sede provincial, pola celebración deste importante evento a nivel europeo. “Esta conferencia sitúa á provincia de Lugo como capital do debate e da toma de decisións en torno ao reto demográfico que supón o envellecemento en amplas zonas do territorio comunitario, sobre todo no ámbito rural”, subliñou Tomé Roca. “A Presidencia de España do Consello da UE é unha oportunidade única para que España amose todo o que pode ofrecer a Europa, somos conscientes do reto que supón, pero afrontámolo con plena confianza nos valores do proxecto europeo, hoxe máis necesarios ca nunca”, afirmou.

O presidente evidenciou que, unha vez máis, “estamos ante a demostración do enorme compromiso do Goberno de España coa provincia de Lugo, que situou de novo os intereses e as necesidades dos lucenses na axenda política do noso país, despois dos anos de esquecemento e retroceso que vivimos co anterior Executivo”. Un compromiso que se traduciu en “feitos, en medidas e investimentos concretos, como en materia de infraestruturas, pois o Goberno está realizando con 546M€ o maior investimento na historia do ferrocarril en Galicia, tamén en dereitos sociais e laborais, con reformas que benefician especialmente a provincias coma a nosa, ou celebrando esta Conferencia tan relevante no noso territorio”, destacou Tomé Roca.

Así mesmo, o Presidente amosoulle a Albares a súa gratitude pola “empatía e a proximidade coa que recibe sempre os intereses da provincia”. “Estou convencido de que continuaremos con esta relación tan cordial e produtiva entre o Goberno de España e a Deputación de Lugo en favor do avance social e económica de Lugo”, asegurou José Tomé.

Durante a visita, o presidente da Deputación entregoulle ao ministro un exemplar do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2ª Ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo, en recordo pola súa primeira visita ao edificio provincial, e unha placa de cristal coa fachada do Pazo de San Marcos gravada. O representante do Goberno de España tamén asinou no Libro de Ouro da institución.