Skip to main content
Lugo

Comeza o cambio dos asentos no Pazo dos Deportes

Por 14 Setembro, 2023Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mellora e renova o Pazo dos Deportes, que esta fin de semana acollerá os primeiros encontros oficiais da temporada coa disputa da Copa Galicia.

A área de Deportes adxudicou o pasado mes de xullo os traballos de instalación de 2.000 novos asentos, que renovarán completamente as bancadas inferiores do Pazo dos Deportes.

Trátase de asentos individuais, con respaldo pregable, que garanten a mobilidade das gradas e que melloran a confortabilidade de usuarias e usuarios, dando un aspecto homoxéneo ás instalacións.

O Pazo manterá a capacidade completa durante a instalación e montaxe dos asentos.A empresa adxudicataria, que nas últimas semanas realizou as probas necesarias para garantir que os novos asentos se adecúan as medidas axeitadas para repregar as gradas, realizará os traballos de montaxe entre semana, habilitando todas as localidades para os días nos que se disputen encontros de CB Breogán e Ensino.

Deportes destina 171.000 euros a esta actuación que dá continuidade ás melloras que se realiazaron nos últimos meses, coa sustitución das luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED, que melloraron a eficiencia enerxética e a iluminación da pista tanto para público como para as retransmisións televisivas.

CRÍTICAS DO PP

O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, denuncia o mal estado de mantemento no que se atopa o Pazo Provincial dos Deportes, unha instalación que “cómpre recordar construíu un goberno do Partido Popular cun orzamento menor ao que manexan hoxe en día PSOE e BNG, que seguen amosándose incapaces de manter as instalacións en bo estado de conservación”.

“A día de hoxe o Pazo dos Deportes precisa de diferentes intervencións para solucionar os problemas coas goteiras, de climatización, o mal estado do aparcadoiro e incluso para instalar as cadeiras que se precisan no pavillón xa que cómpre recordar que por cada encontro da ACB que o Breogán dispute sen ter esas cadeiras colocadas, o club terá que pagar unha multa por parte da competición sen ter culpa algunha xa que o mantemento da instalación corresponde unicamente á Deputación de Lugo, polo que o responsable provincial de Deportes, Efrén Castro, e o presidente da Deputación, José Tomé, deberían de dar explicacións públicas sobre estes problemas sen solucionar”, din.

Explican que o contrato de subministración, instalación e montaxe de asentos individuais con respaldo pregable para as bancadas supletorias do Pazo Provincial dos Deportes asinouse o 30 de agosto deste ano, tendo un prazo de execución de tres meses, a contar desde a sinatura da acta de inicio dos traballos (8 semanas subministración e 4 semanas para a instalación).

Durante estes tres meses, o Breogán xogará un total de 6 encontros como local (ata a xornada 11), desde o 24 de setembfo ao 26 de novembro. “Vemos como, no mellor dos casos, as cadeiras estarán instaladas a finais de novembro, polo que o club exponse a recibir 6 multas por parte da ACB xa que nin José Tomé nin Efrén Castro cumpriron coas súas obrigas dentro dos prazos esixibles e deixaron todo para o último momento”, denunciou.

Antonio Ameijide denuncia que nin José Tomé nin Efrén Castro poden alegar descoñecemento na materia xa que na memoria xustificativa de licitación (con data 20/03/2023) exponse esta cuestión.

Ante esta situación, Antonio Ameijide anuncia que se realizarán preguntas no vindeiro pleno para coñecer os motivos destes atrasos “que semellan inxustificados” e que poden repercutir negativamente na economía do Breogán e doutros clubs que tamén empregan esta instalación para disputar os seus encontros oficiais.

SEN REMATAR OBRAS ANEXOS

Outro exemplo da desidia e desinterese do goberno provincial polo deporte lucense é a situación dos anexos do Pazo. Son xa varios os anos con problemas de condensación e goteiras, entre outros, que poñen en risco a seguridade dos usuarios das mesmas, principalmente nenos e nenas, o que “obrigou en numerosas ocasións aos pais e nais a solucionar in situ os problemas para salvagardar a seguridade dos seus fillos, como xa se viu en numerosas ocasións cando secaron eles mesmos o chan para evitar caídas”.

A día de hoxe, os anexos do Pazo están pechados (dende o 16 de xullo) e o chan segue sen instalar. “O que vemos é que deixaron pasar a mellor época para realizar estes traballos e agora queren convocar aos clubs para explicarlles a situación, aínda que seguramente sexa para poñer escusas para tapar as súas vergoñas por non ter realizados aínda as obras”, denunciou.

Nestas instalacións accesorias segue sen haber vestiarios e tampouco se fai nada por permitir o uso dos que hai no Pazo dos Deportes habilitando para iso unha cuberta entre ambas instalacións para que os usuarios poidan acceder dunha a outra sen mollarse durante os días de chuvia.

Unha situación que se noutras instalacións, como se denunciou hai poucos días dende este mesmo Grupo, como ocorre na escola de piragüismo, unhas dependencias que están nun nefasto estado de conservación, como se ve nada máis chegar nos desconchóns da pintura exterior e no interior as humidades afectan aos vestiarios e, especialmente, a un deles que actualmente está pechado porque é insalubre, o pantalán do río retirouse hai anos pola perda de permiso e non se fixo nada para a súa reposición, e a estrutura de acceso de formigón está socavada polas crecidas do río.