Skip to main content
Lugo

O Campus Terra inicia formación sobre QGIS, Mathcad e drons

Por 14 Setembro, 2023Sin comentarios

A USC mantén aberta en liña a inscrición para os seminarios, conferencias e obradoiros incluídos ata final de ano no programa formativo do Campus Terra da USC.

O Campus Terra da USC bota a andar na segunda quincena do mes de setembro varios módulos formativos sobre sistemas aéreos non tripulados, QGIS e Mathcad, dirixidos á participación de alumnado, personal docente e investigador, así como a técnicos de empresas e demais axentes do sector produtivo. A participación nestas actividades, que están incluídas no programa de formación complementaria do Campus Terra da USC para este ano, é libre e de balde para todo o público interesado, que pode xa formalizar a súa inscrición en liña.

O curso Introdución ao manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados, estruturado en 20 horas de formación, comeza este xoves na EPS de Enxeñaría, o mesmo escenario no que, a partir do luns 18 se impartirá o módulo ‘Introducción ao uso do Programa Matemático MATHCAD’, unha proposta formativa dirixida a alumnado e persoal docente e investigador programada ao longo de 30 horas.

O curso Iniciación á Realidade Virtual na docencia ofrece, a partir do 21 de setembro, formación neste ámbito a docentes e investigadores. Asemade, o estudantado universitario tamén poderá mellorar os seus hábitos e técnicas de estudo individuais a través dun obradoiro, cunha duración de 10 horas, que se celebrará os días 21 e 28. O persoal de administración e servizos (PAS) da USC tamén poderá ampliar coñecementos sobre o programa de control de accesos co curso Manexo da aplicación DORLET, que se celebrará na Facultade de Veterinaria a partir do 25 de setembro, data na que tamén botará a andar na EPS de Enxeñaría o curso ‘Utilización das TIC nos procesos de avaliación e control do plaxio’.

Un Curso Introdución ao emprego de QGIS e o Curso Avanzado de QGIS, dous módulos estruturados en 20 horas de formación cada un e orientados á participación de alumnado, persoal docente e investigador, así como a axentes e técnicos do sector produtivo, completan a oferta do programa de formación complementaria do Campus Terra da USC para este mes de setembro

Obxectivos do programa

O programa de formación do Campus Terra responde a unha iniciativa artellada ao abeiro do convenio asinado pola USC coa Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia, a través da que o campus de especialización con sede na capital luguesa ofrece aos membros dos distintos colectivos que conforman a comunidade universitaria, así como a empresas e a axentes produtivos, a oportunidade de participar nun total de 23 seminarios, obradoiros e conferencias sobre temática diversa.

Daquela, alén destas propostas formativas máis inmediatas, o programa de formación do Campus Terra contempla un amplo ronsel de actividades, estruturadas en cursos, seminarios ou mesmo obradoiros, un abano de propostas que inclúen módulos para coñecer as oportunidades de innovación e colaboración escolar que ofrece o programa europeo eTwinning, ou as prestacións da metodoloxía BIM para a docencia universitaria.

A introdución ao uso de Microsoft Sharepoint (One Drive) e contidos multimedia, o uso e a xestión de Microsoft Teams para docencia e administración, o uso das TIC nos procesos de avaliación e control de plaxio, a introdución ao manexo de Sistemas Aéreos non Tripulados, ao programa matemático MATHCAD, así como cursos de aprendizaxe ou perfeccionamento do manexo da aplicación de control de accesos DORLET e doutros programas, tales como Microsoft Power-BI, follas de cálculo, ou mesmo de aplicacións orientadas ao emprego da realidade virtual na docencia, centran algúns dos módulos ofertados no programa de formación do Campus Terra.

A proposta de formación complementaria deseñada desde o Campus Terra da USC abrangue asemade obradoiros sobre hábitos e técnicas de estudo, xestión de estrés ou de elaboración de queixos. Outras das temáticas abordadas no marco deste programa de formación complementaria atinxen a metodoloxías activas para o ensino innovador, ao uso racional de enerxías alternativas, ou ao uso, administración e xestión dos parques naturais. O relatorio ‘Seguiremos ensinando na sociedade da intelixencia artificial?’, a cargo de Senén Barro, amplía tamén a outro novo ámbito as propostas de formación complementaria artelladas desde o Campus Terra da USC para os vindeiros meses.