Skip to main content
Lugo

Arranca o curso na USC cunha serie de actividades de benvida en común co Concello

Por 18 Setembro, 2023Sin comentarios

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, presentou no Campus de Lugo a programación das xornadas de benvida que se estenderán dende este luns 18 e ata o vindeiro 29 de setembro.

As xornadas #BenVidaUSC! ofrecen dende este luns 18 e ata o vindeiro 29 de setembro múltiples actividades culturais, deportivas e divulgativas que servirán para achegar a oferta de servizos da USC para este curso 2023-2024 ao alumnado. “Esta é unha iniciativa dirixida especialmente ao alumnado de novo ingreso, a través da que se pretende crear comunidade entre o propio estudantado, ademais de favorecer as ligazóns e as sinerxías dos campus universitarios de Lugo e de Santiago coas súas respectivas cidades”, explicou a vicerreitora de Estudantes e Cultura no acto que se desenvolveu este luns no Complexo Docente do Campus Lugo e que serviu de apertura para #BenVidaUSC!

Pilar Murias realizou estas declaracións en presenza do concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, Jorge Bustos, diante do que agradeceu a “colaboración intensa e sostible que manteñen os concellos de Lugo e Santiago coa USC”. A vicerreitora sinalou tamén que outro dos cometidos da programación de benvida deseñada pola institución académica pasa por dar a coñecer ao alumnado todos os servizos que pon á súa disposición a institución académica, tal e como poden ser a Unidade de Atención Psicolóxica ou a Oficina de Igualdade de Xénero, ademais do Centro de Linguas Modernas, a Área Deportiva, ou o Servizo de Participación e Integración Universitaria, entre outros; así como para dar a coñecer a variada oferta cultural que pode atopar tanto en Lugo como en Santiago”. Pilar Murias aproveitou este encontro con alumnado para animalos a inscribirse nas distintas actividades lúdicas, divulgativas e deportivas programadas ata o día 29 deste mes.

Novidades

Concertos, aulas abertas ou visitas guiadas integran a programación que pode consultarse na páxina web de #BenVidaUSC! Entre as novidades deste curso, destacan os obradoiros de podcast e de videocreación, que se suman ás aulas abertas de actividades como zumba, ioga, GAP+Tono, HIIT, pilates, así como ás de swing, danza tradicional e pandeireta, danza contemporánea ou tango, entre outras.

Ademais, o mércores 20 en Lugo e o martes 26 en Compostela, terán lugar os torneos deportivos de benvida que servirán para que o alumnado coñeza de primeira man a oferta da Área Deportiva en actividades como tenis, balonmán, voleibol, baloncesto ou fútbol. Este programa amplo e diverso contará tamén con visitas a puntos emblemáticos da Universidade como o Museo de Historia Natural, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller ou a Domus do Mitreo, entre outros. ‘O coidado dos vínculos afectivos: Obradoiro de Quérote + sobre a xestión de parella e vínculos sentimentais’ será tamén outro dos espazos formativos ofertados, xunto con distintas sesións de presentación nos que diferentes servizos darán a coñecer a súa actividade.

Concertos

A música tamén estará moi presente nas xornadas de benvida. Así, a Praza de Mazarelos acollerá as actuacións de High Paw, Catuxa Salom e Ortiga, o xoves 28, a partir das 20.00 horas. No caso do Campus de Lugo, Catuxa Salom e Ortiga actuarán o xoves 21, ás 20.30 horas, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE). O acceso aos concertos será de balde ata completar a capacidade do espazo, mentres que para aulas abertas, presentacións e visitas guiadas será preciso rexistrase na web de #BenVidaUSC!