Skip to main content
Lugo

Unha estudante de bioloxía de Lugo recibe a bolsa da Fundación Caixa Rural Tomás Notario

Por 22 Setembro, 2023Sin comentarios

A estudante lucense Ana Seijas, graduada en química e bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, obtivo unha bolsa da Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas para ampliar a súa formación cun Master sobre nanobiología e fotónica que realizará na Universidade Saclay de París. A bolsa permitirá sufragar o custo da formación así como os gastos da estancia da beneficiaria.

A seleccionada destacou entre os solicitantes tanto polo seu currículo previo como as materias obxecto da formación a realizar, así como polo feito de que se levará a cabo nunha das universidades máis prestixiosas do mundo.

No acto de recepción da bolsa, a nova bolseira da Fundación agradeceu o apoio prestado e manifestou que entre as súas intencións está formarse para dedicarse á investigación en ámbitos biolóxicos e sanitarios e, de ser posible, en relación co alzheimer.

O presidente da Fundación, Tomás Notario, destacou as aptitudes da bolseira e transmitiulle o desexo de que a bolsa sirva de estímulo e acicate para alcanzar as cotas que se teña proposto. Ademais, xunto a Manuel Varela, presidente de Caixa Rural Galega, manifestaron o orgullo que supón para a Fundación poder axudar a persoas como Ana a conseguir os seus propósitos, así como para que sirvan para alcanzar un grao de excelencia que resulte útil para a comunidade en xeral e para Galicia e Lugo en particular. Adicionalmente, ambos lle transmitiron o seu desexo de que a súa actividade profesional e investigadora futura poida desenvolverse en Galicia.

O resto de membros da Fundación desexáronlle unha feliz estancia en París, así como un máximo aproveitamento da oportunidade que ten de ir a unha universidade de prestixio para nutrirse dunha magnífica experiencia persoal e profesional.

No acto estivo presente Alexandre Rico, bolseiro pola Fundación en 2022 para a realización dun Master de medicina veterinaria preventiva na Universidade de Davis California, para transmitir o seu agradecemento, tanto pola achega económica, como pola confianza depositada nel, que lle serviu para afianzar o seu convencemento de que a aposta realizada de optar a este tipo de formación de máximo nivel no estranxeiro sería un acerto para el. Aproveitou para informar da súa estancia en Estados Unidos, ademais da súa intención de retornar a este pais para doutorarse.

Ademais de recibir os eloxios e a satisfacción da Fundación por contribuír á súa traxectoria formativa, Alexandre aproveitou para darlle algún consello a Ana como futura bolseira, como ir coa mente moi aberta e enriquecerse dunha experiencia de gran valor, tanto pola formación á que accederá, como polo contacto con persoas doutros países e culturas.