Skip to main content
Lugo

O Museo de Lugo acolle a presentación e representación do libro ‘Alma de grilo’

Por 26 Setembro, 2023Sin comentarios

O vindeiro venres 29 de setembro ás 18.30h celebrarase no Museo Provincial de Lugo un acto literario-teatral, patrocinado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, no que se presentará o libro Alma de grilo (e outras fábulas para acompañar o café), editado por Edicións Embora, e se representará a obra homónima, producida pola compañía lucense ÍtacaTeatro www.itacateatro.com.

O acto, que é de acceso libre, contará coa presenza da deputada de Cultura, Iria Castro; do director de Edicións Embora, Miguel Toval; da autora do libro, María García; e do ilustrador, Julio C. Seijas.

A obra literaria Alma de grilo que se presentará o venres é unha sucesión de relatos, de estampas narrativas breves, nas que conviven o mito e o humor, a lenda e o poema. É unha viaxe polo territorio da imaxinación, de xeito que polas páxinas do libro transitan obxectos humanizados como metáforas de soños; follas que non se deixan arrastrar pola corrente, trasnos que contan estrelas, pintoras salvadas pola súa arte ou monos que triunfan por non seren gregarios.

Pero máis aló dun libro, Alma de grilo é tamén unha obra teatral. Porque a sensibilidade e o poder da palabra desta obra literaria foron inspiración para a compañía lucense Ítaca Teatro que, a partir dos textos do libro, montou a súa última produción.

A obra teatral, baseada no libro homónimo e dirixida por José Campanari, está concibida para ser representada en espazos non convencionais, cunha posta en escena na que prevalece a simplicidade e a harmonía de voz e música.

En Alma de grilo hai dous únicos e poderosos protagonistas no escenario: María García, na súa dobre condición de actriz e autora dos textos; e Vadim Yukhnevich, recoñecido músico e compositor bielorruso afincado desde hai décadas en Galicia.

A dobre cita coa literatura e co teatro será o venres 29 de setembro ás 18.30h no Museo Provincial de Lugo, con entrada libre.