Skip to main content
Lugo

Un foro celebrado na EPS presenta o abano de liñas de traballo para o grao de Robótica

Por 30 Setembro, 2023Sin comentarios

O grao en Robótica consolídase na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC como un título universitario de especial interese para o tecido empresarial, tal e como proba o foro celebrado este venres, no marco do que unha decena de centros tecnolóxicos en Galicia presentaron ao alumnado as súas respectivas liñas de traballo, un abano de itinerarios que se antollan apropiados tanto para a realización de prácticas curriculares por parte do estudantdo como para, unha vez titulados, acceder ao mercado laboral.

A conexión do mundo empresarial é moi boa, afirma o profesor do grao en Robótica e coordinador deste encontro, Fernando Pardo, quen atribúe ao perfil versátil dos graduados e graduadas en Robótica, un título cuxa formación capacita tanto para traballar no eido dos automatismos como no ámbito da Intelixencia Artificial. As múltiples sinerxías que existen entre o grao en Robótica e o mercado traballo favoreceu “a boa inserción da primeira promoción egresada do Campus Tera”, destacou Pardo, quen tamén precisou que algunha das persoas xa graduadas decantouse por ampliar a súa formación cun mestrado fronte á posibilidade de traballar, que “son moitas”, dixo.

Fernando Pardo aproveitou a sesión de apertura deste foro empresarial, un acto no que tamén participaron a directora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Rosa Romero, e o subdirector de Prácticas do centro universitario lugués, Emilio Carral, para manifestar o seu agradecemento pola colaboración sustentable das empresas. O grao en Robótica, relatou Pardo, mantén unha estreita colaboración cunhas 30 firmas radicadas en Galicia e tamén noutras comunidades autónomas do noroeste de España, aínda que non todas están representadas neste primeiro Foro de Robótica e Empresas, no que participan FINSA, Norvento, CadWorks, Himikode, Gradhoc, Aeromedia, FabRx, BAÜP Solutions, Data Monitoring, HINDT, ademais dos centros tecnolóxicos CETIM e ITG.

O obxectivo da xornada é poñer en contacto ao alumnado coas empresas, a fin de que coñezan así de primeira man a actividade profesional ou de prestación de servizos que realizan. Así, ademais de asistir ás presentacións de cada iniciativa de negocio, o estudantado tamén ten a oportunidade de achegarse aos postos instalados polas propias empresas, onde poderán obter información máis detallada.

Cuestión de xénero

O coordinador do I Foro de Robótica e empresas aproveitou a celebración deste foro para salientar a boa saúde de que goza esta titulación, un grao que tamén esperta un notable interese entre o alumnado de Formación Profesional, destacou. A cuestión de xénero e, se cabe, un parámetro menos alentador, dado que entre as 55 persoas que comezaron este curso os estudos do grao en Robótica na EPS de Enxeñaría, só hai dúas mulleres, unha cifra moi inferior ás 10 ou 6 rapazas matriculadas no título en cursos precedentes, dixo.