Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación aposta polo turismo sostible, de experiencia e de proximidade en Expocidades

Por 7 Setembro, 2023Sin comentarios

A institución provincial conta cun expositor na feira do Eixo Atlántico, que este ano se celebra en Valongo, no que promove os recursos culturais e naturais dos 67 concellos da provincia.

A Deputación de Lugo estará presente dende este xoves ata o próximo domingo na feira de turismo do Eixo Atlántico, Expocidades, para promover os recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos da provincia de Lugo. A entidade transfronteiriza organiza esta cita no Parque Urbano de Ermesinde, en Valongo, co obxectivo de dar a coñecer os recursos dos concellos galegos e os municipios portugueses.

A presenza nesta cita, na que a institución provincial conta cun expositor, enmárcase na participación da Deputación de Lugo en diferentes eventos nacionais e internacionais para a promoción dos recursos turísticos da provincia. Ademais, o organismo provincial leva a cabo diferentes actividades ou propostas xa consolidadas como Coñece a túa Provincia, que favorecen o modelo turístico de calidade, proximidade, experiencia e sostible no que se traballa.

A VII edición de Expocidades é unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Esta feira de turismo celébrase desde 2013, tan só interrompida polos dous anos de pandemia.

Até o 10 de setembro daranse a coñecer os diferentes lugares e os seus produtos gastronómicos co obxecto de identificar posibles destinos de proximidade que visitar durante unha fin de semana. Cos 30 expositores que acoden este ano, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, preténdese dende o Eixo Atlántico impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.

Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e o Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promóvense espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.

Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con Expoval – Mostra do Concelho de Valongo que, na súa 15ª edición e baixo o tema Valongo, Serras do Porto, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.

A cidade de Lugo, tamén presente

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, participou tamén na inauguración da VII edición de Expocidades

“Lugo contará cun stand propio a través do que buscaremos promover os nosos tres patrimonios da humanidade, así como as múltiples posibilidades do municipio a nivel de turismo natural e de experiencias, poñendo ao mesmo tempo en valor o noso legado romano e a nosa oferta gastronómica de primeiro nivel, sen esquecernos das novas dotacións que estamos a impulsar para os veciños e veciñas da cidade e as persoas que nos visitan, como poden ser as Caldas do Miño”, explicou a rexedora.

Méndez lembrou tamén a recente posta en marcha dun Plan de Turismo Sostible, para o que o executivo local conseguiu 2 millóns de euros de fondos europeos ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, co que se ampliarán as dotacións da contorna fluvial coa creación dun Centro de Enogastronomía na Fábrica da Luz. E, por outra banda, puxo en valor a consecución do distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional do Arde Lvcvs, que este ano celebrou a súa 22ª edición; e a consolidación do Caudal Fest como un dos festivais de música referentes do noroeste peninsular.

Así mesmo, outras das actuacións nas que está a traballar o executivo de Méndez, a través da estratexia DUSI Muramiñae, son a recuperación e posta en valor da cloaca romana do barrio do Carme, unha infraestrutura con preto de 1.700 anos de antigüidade que, trala conclusión dos traballos, pasará a ser visitable pola cidadanía; ou a creación do primeiro coliving artístico de España ao pé do Camiño Primitivo, co obxectivo de impulsar a cultura e o turismo de experiencias vinculado a este itinerario xacobeo.

“Lugo conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado: a historia, o patrimonio, a riqueza natural, a gastronomía ou as alternativas de ocio e lecer atraen a visitantes de proximidade, pero tamén do mundo enteiro, e nesa liña estamos a traballar dende o Concello para que cada vez máis personas nos visiten e gocen do noso municipio”, remarcou a rexedora.