Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Galicia Baleira reclama ao conselleiro axilidade na retirada dos niños de velutina

Por 8 Setembro, 2023Sin comentarios

A Plataforma Galicia Baleira, que aglutina as Federacións de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo e Limiar da provincia de Ourense, respectivamente, veñen de enviar unha carta aberta ao conselleiro de Medio Rural José González Vázquez, para facerlle chegar as “múltiples queixas de apicultores, e de diversidade de cidadáns que están alarmados pola proliferación da avespa velutina”.

Afirman na súa carta que nas súas queixas a xente explica que para retirar os niños das avespas velutinas, están a tardar moitísimo tempo, e que despois de chamar de forma reiterada en ocasións máis de dúas, tres ou catro veces, esperan un ou mesmo máis de dous meses para que pasen a retirar os devanditos niños, o que supón que os apicultores debido ao que tardan na retirada dos niños, teñen que facelo polos seus propios medios para non quedar sen abellas. “Isto parécenos inadmisible. Estimamos que os medios humanos para a retirada de niños de avespas velutinas non son suficientes. Pedimos que se dote de persoal e medios para poder retirar os niños nunha marxe de 48 horas”.

“Cremos que a Xunta de Galicia non valorou adecuadamente o problema da velutina e non se realizaron labores de prevención adecuadas xa que este ano multiplicáronse os niños”, engaden.

Explican ao conselleiro que a avespa velutina está a causar uns graves danos aos apicultores con relación á diminución da súa colleita, pero non só á diminución da colleita, senón que a diminución de abellas inflúe na polinización das árbores. “Non só a velutina está a causar agravios na produción de mel ou na polinización, senón que está a afectar na propia vida das persoas. (Hai persoas que son alérxicas)”.

“Queremos que a Xunta de Galicia tómese en serio o tema da avespa velutina, que se aumente os medios humanos para a retirada de niños e que se aumenten os medios materiais aos apicultores (trampas) e que a Xunta de Galicia adquira o compromiso de retirar os niños de velutina nun prazo máximo de 48 horas e tome as medidas preventivas oportunas para que o próximo ano a situación non sexa peor”, conclúen.