Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación acorda pedir á Xunta que cubra a xubilación dunha vintena de médicos

Por 27 Setembro, 2023Sin comentarios

A institución provincial reclama á Administración autonómica que fixe unha maior participación dos concellos nos ingresos do canon eólico redefinindo o modelo de tributación para que se pase a cobrar por potencia en vez de por muíño. Denuncian que na provincia apenas percibiron 2,6M€ dos 22M€ recadados pola Xunta.

A Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia que garanta a atención sanitaria dos veciños e as veciñas da provincia ante a xubilación inminente de máis de 20 médicos que prestan servizo nos centros de saúde dos concellos de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte. Así se acordou este martes no Pleno provincial tras unha proposta do grupo socialista, que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e cos votos en contra do PP. Unha sesión á que asistiron Alcaldes, concelleiros e concelleiras das localidades afectadas.

A Voceira socialista, Pilar García Porto, sinalou durante a súa intervención que segundo os datos da propia Consellería, o 24,5% dos médicos colexiados teñen 65 anos ou máis, e outro 26% sitúase na franxa dos 55-64 anos. “Como lle pasa aos malos alumnos, o inicio do curso pilla á Xunta con materias suspensas, deberes pendentes e sen metodoloxía de traballo para o novo curso político. A situación da sanidade pública na provincia é, por desgracia, un exemplo de como a mala xestión do Sergas a pagan os lucenses e as lucenses co deterioro dos servizos públicos”, lamentou.

“Custa entender como en pleno século XXI un goberno que presume de xestión poida deixar sen atención médica a unha parte tan importante do territorio e da veciñanza”, denunciou García Porto, ao tempo que lembrou que en outubro de 2022, a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, dicía que non podía haber un pediatra en cada localidade, “e agora o Sergas vai camiño de ampliar ese despropósito suxerindo que non poderá haber médico en cada centro de saúde”. Un exemplo máis, argumentaba García Porto, do “desprezo do PP cara a poboación do rural, onde os veciños e veciñas teñen todas as obrigas propias da súa condición de cidadáns, pero, de feito, non teñen os mesmos dereitos, porque non teñen dereito ó acceso aos servizos públicos que pagan cos seus impostos”.

A Corporación provincial demandará tamén á Xunta que se restitúan os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes do Partido Popular; que estableza modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes, a non cobertura de baixas ou vacacións, e a temporalidade.

Maior participación dos concellos nos ingresos do canon eólico

A institución provincial reclamará tamén á Administración autonómica que modifique o modelo de tributación do canon eólico, pasando a fixalo por potencia en lugar de por muíño; que defina a participación dos concellos costeiros nos beneficios da eólica mariña; e que estableza que a recadación íntegra do actual canon eólico e do futuro canon da eólica mariña se destine a melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación dos parques. Así o aprobou o Pleno, tras outra proposta do grupo socialista que saíu adiante cos votos favorables do PSdeG e do BNG, e do voto en contra do PP.

“Os concellos acollen o impacto das obras e neles aséntanse as infraestruturas que fan posible o aproveitamento das enerxías limpas”, explicou García Porto, ao tempo que denunciou que precisamente as entidades locais “seguen a ser as grandes esquecidas no desenvolvemento do sector”, recibindo “un mal pago da Xunta”.

A Voceira socialista recalcou que segundo os datos do Consello Económico e Social, o Goberno galego recada de media uns 22M€ anuais polo concepto do canon eólico; e que no ano 2021 puxo a disposición dos concellos 6M€, apenas un 27% do recadado; “no caso dos concellos da provincia, a cantidade percibida apenas é de 2,6M€, un 11% da recadación total da Xunta”.

Revisión de tarifas do Centro de Recría público da Granxa Gayoso

A Corporación aprobou tamén a revisión das tarifas do Centro de Recría que a Deputación ten en marcha na Granxa Gayoso Castro, “fundamental” para a viabilidade deste servizo público, unha vez que está ao 100% da súa capacidade e tendo en conta a subida dos prezos dos alimentos e dos materiais para o coidado animal debido ás consecuencias económicas da invasión de Ucraína e da seca. Esta medida suporá para os gandeiros e as gandeiras da provincia 0,78 céntimos máis ao día por animal, ata os 3,33€.

Argumentou o Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, que se trata dunha revisión “xustificada e necesaria” para garantir a viabilidade da Granxa Gayoso, que dá servizo a 63 gandeiros e gandeiras da provincia e que alimenta a un total de 2.580 cabezas de gando, que consumen un total de 7,5 toneladas de alimento ao día. Explicou que no contrato coa empresa que presta o servizo na Granxa hai contemplada unha revisión de prezos cada dous anos e que os informes técnicos da Deputación son favorables a esta revisión: “é o legal, o que procede, e actuar doutro xeito é asfixiar á concesionaria e abocar ao peche da granxa”.

Lembrou Cajoto que, incluso coa revisión aplicada, os gandeiros e gandeiras da Granxa pagan menos que nun centro privado e que reciben máis e mellores servizos, porque entre os incluídos no prezo está tamén o transporte ou a inseminación dos animais. Ademais, recalcou a importancia doutras vantaxes para os usuarios e usuarias deste centro como a proximidade, grazas a súa situación en Castro de Ribeiras de Lea.

O Deputado puxo en valor este servizo “de excelencia”, que demostra cunha ocupación do 100% que é “un éxito rotundo” e que xa é “unha referencia en toda España”. Lamentou que “a Xunta de Galicia non aporta nin aportou un só céntimo para este proxecto pioneiro, nin para a súa construción nin para o seu funcionamento” e que tampouco ofreceu axudas para paliar os efectos da guerra de Ucraína, “o que demostra que á Xunta non lle importa nada nin o rural, nin o sector primario”.

A Deputación de Lugo, á cabeza en execución dos Orzamentos

O Pleno aprobou a Conta Xeral da Deputación de Lugo correspondente ao ano 2022, cumprindo así cos prazos legalmente establecidos, que determinan a obriga de presentar ante o Consello Xeral de Contas antes do día 1 de outubro este expediente. A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, destacou que o gasto comprometido acadou no ano 2022 un 86,3%, consolidando á Deputación de Lugo como unha das administracións locais de España con maior grado de execución orzamentaria. “Uns datos positivos, síntoma do rigor e da transparencia desta institución para ser o máis útiles posibles para os concellos e a veciñanza da provincia”, valorou a Deputada.

Asesoramento aos concellos en xestión de fondos europeos

Na sesión plenaria celebrada este martes acordouse por unanimidade a adhesión da Deputación ao servizo de asistencia técnica e dinamización para a participación e xestión dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia por parte de Tragsatec –a empresa pública de Tecnoloxías e Servizos Agrarios que forma parte do grupo Tragsa-, un asesoramento do que poderán beneficiarse os concellos da provincia.

O BNG defendeu no Pleno Provincial o reforzo da servizo de fisioterapia en Monterroso ante a oposición do Partido Popular

O BNG presentou no Pleno provincial unha moción para reclamar o reforzo e estabilización do servizo de fisioterapia no centro de Monterroso, que atende tamén a veciñanza de Taboada, Palas de Rei, Antas de Ulla e Portomarín.

A deputada Iria Castro explicou que “o centro conta cunha praza en quenda de mañá para asistir a unhas 10.000 persoas o que supón listas de agarda de ata dous anos incluso para as persoas que requiren atención prioritaria” e, ante o voto en contra do Partido Popular, que en ningún momento do debate se referiu a problemática denunciada, interpelou directamente ao deputado popular polo partido xudicial de Chantada, pedindo que “explique o agravio á veciñanza desta comarca”.

Materia de igualdade nos centros escolares

Ademais da atención sanitaria en Monterroso, o BNG defendeu no Pleno provincial a necesidade de ofertar a materia de Igualdade de Xénero na oferta curricular das diferentes etapas educativas despois de que, neste curso, se deixase de impartir esta materia nos centros escolares.

A deputada Iria Castro criticou a decisión da Xunta de Galiza de suprimir a materia, que se viña ofertando como optativa de libre configuración, nun momento en que “se está a cuestionar a lexitimidade do feminismo desde ámbitos da esfera política e social” e “se producen situacións como a das menores espidas con intelixencia artificial que demostran a necesidade imperiosa de traballar esta materia con nenas e nenos “.

Nese sentido, a proposta defendida pola deputada nacionalista, e presentada ao pleno por BNG e PSdG, incide na necesidade de “acadar un gran acordo que inclúa as achegas de todos os partidos do arco parlamentario e da comunidade educativa para ampliar a presenza da Igualdade de Xénero no currículo educativo e adaptar os contidos de xeito que dean resposta ás situacións que debemos corrixir”.

“O Consello Económico Social, recomendou á Xunta intensificar os esforzos en política de igualdade e o Goberno galego debería tomar nota desa recomendación para intensificar a aposta polos contidos de Igualdade de Xénero en todos os niveis do sistema educativo”, lembrou a deputada, ante o voto en contra do Partido Popular.

Eólica mariña

No debate sobre a eólica mariña, suscitado por unha moción do PSdeG, o deputado Daniel García esixiu que “o Goberno do Estado respecte as artes tradicionais de pesca na Galiza, tal e como se recolle no chamado Manifesto de Burela en defensa do sector pesqueiro galego” e fixo fincapé na necesidade de “socializar os beneficios da produción de enerxía”, seguindo o modelo do goberno nacionalista de Muras, que está transformando os ingresos derivados dos parques eólicos en axudas para o pago do recibo da luz a familias e empresas instaladas no municipio.

O PP afea a Tomé que se negue a promover iniciativas en prol do turismo e coidados aos maiores

Os deputados do Grupo Provincial Popular non entenden “a pouca altura de miras” de socialistas e nacionalistas ao negarse a aprobar en poñer en marcha dúas iniciativas do PP encamiñadas a potenciar o turismo e o coidado aos maiores da provincia de Lugo.

Na primeira das iniciativas defendidas dende o Grupo Provincial Popular solicitábase á Deputación que impulse a residencia de maiores de Cervantes e se estudiara ubicala na antiga escola fogar de San Román xa que “é fundamental garantir o benestar de todas as persoas que formamos parte da sociedade pero, sobre todo, daquelas persoas que durante toda a súa vida contribuíron a garantir o benestar dos demais e que, agora, precisan de axuda para poder contar cunha boa calidade de vida, algo para o que é preciso proporcionarlles apoio social, físico e emocional”.

Antonio Ameijide non entende esta negativa do goberno provincial, sobre todo tras ver como nos últimos anos prometeron en diversas ocasións esta dotación. “En Cervantes están fartos da espiral de mentiras dos distintos gobernos de perdedores de PSOE e BNG na Deputación. Na campaña das municipais do 2015, PSOE e BNG xa prometían esta infraestrutura, e 4 anos despois, en véspera doutras eleccións, o 20 de maio de 2019, a Deputación de Lugo e o Concello de Cervantes formalizaban un convenio interadministrativo de cooperación para a execución dos fins comúns consistentes na construción do CAM neste municipio, que foi modificado posteriormente por dúas addendas”, denunciou.

Segundo o acordado, o Concello de Cervantes comprometeuse a aportar 200.000 euros e poñer a disposición da Deputación de Lugo unha parcela, preferentemente en San Román, a capitalidade municipal, libre de cargas e gravames con licenzas urbanísticas e permisos sectoriais necesarios para a construción do centro residencial. O convenio está en vigor, logo da aprobación de dúas addendas, a última delas precisamente en vésperas das últimas eleccións municipais, despois de 8 anos de enganos, pero semella que os trámites por parte de Deputación e Concello de Cervantes non avanzan.

Vía turística entre Paradela e O Saviñao

Mesma sensación deixou nas filas populares o rexeitamento de PSOE e BNG a continuar coa construción da vía turística entre Paradela e O Saviñao xa que o turismo é un dos principais sectores económicos da provincia de Lugo debido ao inmenso patrimonio natural, paisaxístico, arqueolóxico, arquitectónico, histórico, cultural e social do seu territorio.

Antonio Ameijide defendeu que o equipo de goberno impulse a construción e continuación da LU-P-4206 para conectar os concellos de Paradela e O Saviñao cunha vía turística e de conexión territorial que percorra a beira do río Miño poñendo en valor a zona e, polo tanto, constituíndo un atractivo turístico máis da Ribeira Sacra.

Este proxecto xa tivo unha férrea defensa durante os mandatos de Francisco Cacharro na Deputación, motivo polo que, “comprometido co desenvolvemento e a vertebración do territorio apostou por impulsar e construír unha estrada á beira do Miño con fins turísticos e para garantir a conexión territorial entre os municipios de Paradela e O Saviñao, pasando por varios núcleos de poboación e distintos miradoiros situados na ribeira do Miño”.

Suba das taxas no centro de recría Gayoso Castro

“O presidente da Deputación José Tomé e os seus socios do BNG deron as costas a todo o sector primario da provincia ao aprobar a suba das taxas que os gandeiros lucenses pagan no centro de recría Gayoso Castro. Co seu voto a favor, tanto socialistas como nacionalistas, acordaron que os gandeiros que teñen os seus animais neste centro público, financiado con cartos de todos os lucenses, paguen 3,33€ por animal/día, unha suba do 30% xa que ata agora pagaban 2,55€ por animal/día”, din.

Antonio Ameijide lamenta as declaracións realizadas no pleno por Francisco Cajoto, delegado da Granxa Gayoso Castro, nas que dixo que “no caso de non aprobar a suba das taxas asfixiaríase á empresa concesionaria”, algo que cualificou como “unha clara mostra de que tanto socialistas como nacionalistas defenden os intereses dunha empresa privada antes que os dos gandeiros da provincia”.

O voceiro popular denuncia que esta suba é un ataque a todo o sector gandeiro da provincia xa que converteron este centro público nunha instalación moito máis cara que calquera dos centros privados que hai na provincia, onde hai instalacións nas que os gandeiros pagan ata 50 céntimos menos – 2,80€ animal/día –. “É totalmente impensable que unha instalación pública teña un custe maior que unha privada, pero logo temos que escoitar ao señor Tomé que son firmes defensores dos servizos públicos”, denunciou.

“Unha instalación na que tanto PSOE como BNG aproban subir as taxas amparándose nunha suba dos aprovisionamentos, entre eles co combustible, pero a realidade é que dende o ano 2015 está rematada a planta de biogás, unhas instalación que dende o goberno provincial anunciaron como unha dotación que faría ao centro de recría autosuficiente enerxeticamente e, incluso, excedentario polo que se poderían xerar recursos económicos coa venda dos excedentes enerxéticos”.

Antonio Ameijide anuncia xuntanzas cos afectados para coñecer de primeira man o grao exacto de afectación ás súas explotacións e insiste en que “dende o PP estaremos sempre ao carón dos gandeiros e non descansaremos ata acadar unha rectificación por parte de José Tomé para que o centro público de recría Gayoso Castro sexa o máis económico da provincia”.

Conta Xeral 2022

Por último, Antonio Ameijide fixo unha reflexión sobre os datos da Conta Xeral de 2022 que se elevou á aprobación do pleno de hoxe. “Agardamos que estes datos fagan reflexionar ao goberno provincial para acadar un mellor funcionamento da Deputación de Lugo e un mellor reparto dos recursos, tanto humanos como materiais, para acadar así o que dende o PP levamos tantos anos reclamando: dar un trato igualitario a todos os Concellos”, reflexionou.