Skip to main content
Monforte

O Polígono do Reboredo de Monforte terá unha extensión de máis de 800.000 metros cadrados

Por 21 Setembro, 2023Sin comentarios

O Polígono industrial do Reboredo de Monforte volverá ser ampliado, tal e como informou o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a xerente de Suelo Empresarial del Atlántico(SEA), Beatriz Sestayo; como un paso máis na folla de ruta de melloras que o equipo de Goberno do Concello está levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo.

Esta ampliación correrá a cargo do SEA e dá resposta á solicitude de ampliación que o Concello fixo a SEA o 10 de maio de 2021 “para cubrir a demanda actual de chan empresarial, e ao mesmo tempo, proxectalo cara o futuro” explicou o alcalde, xa que o Polígono non dispón actualmente de parcelas dispoñibles para venta, e dado que hai empresas interesadas en instalarse no mesmo.

O rexedor, acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada; visitaron o Polígono do Reboredo, que alcanzará os 823.000 metros cadrados, incrementando o Polígono do Reboredo en 28,7 hectáreas máis, 287.400 metros cadrados, que é un 77,54% da superficie actual, 370.600 metros cadrados.

José Tomé tamén recordou que o “o pasado 26 de agosto, dende o Concello informamos doutra ampliación deste polígono, que foi posible gracias á cesión gratuíta que a Deputación de Lugo levou a cabo de parcelas adquiridas no seu día para que se implantase Pacadar”. Esta ampliación, que se levará a cabo pola parte noroeste, supón que a actual superficie do Polígono incrementarase en 16,5 hectáreas máis, un 44,50% da superficie actual sinalada.

“Se contamos ambas ampliacións, que suman un total de 452.246 metros cadrados, esta é unha superficie que supera á actual do polígono en 81.646 metros cadrados . É dicir, sumando as dúas ampliacións, o Polígono de O Reboredo pasará a ter unha superficie de máis menos 823.000 metros cadrados, cunha proxección de futuro moi importante”, subliñou o alcalde.

Goberno de España

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, incidiu en destacar o “compromiso firme do Goberno co desenvolvemento industrial de Galicia”, a través da “sustentabilidade, a innovación e a dixitalización”, como se constata nun proxecto que permitirá dar resposta á demanda empresarial existente nun Concello que vive un enorme “auxe industrial e turístico”, convertido nun “centro neurálxico de desenvolvemento de Galicia interior”.​

O delegado do Goberno reiterou o seu agradecemento ao “gran traballo realizado por SEA e pola súa xerente Beatriz Sestayo, para culminar a esperada ampliación do parque empresarialde Reboredo”. As xestións realizadas tanto desde SEA como desde o Concello permitiron triplicar a ocupacióndo polígono, que pasou do 20 ao 100% de chan adxudicado en só tres anos, nun “antes e un despois”, segundo a xerente de SEA, froito da nova etapa “proactiva” e de implicación directa iniciada nos últimos catro anos.

“A acción pública só ten sentido se redunda na creación de emprego, no desenvolvemento económico e no asentamento de poboación”, subliñou Beatriz Sestayo. A xerente de SEA, explicou que xa está en marcha o proceso para a ampliación, coa aprobación no Consello de xuño da modificación do Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais. A previsión inicial establece que se poidan licitar as obras nun prazo aproximado dun ano.

O actual parque empresarial, no que se asintan empresas como Oviganic, especializada en produtos lácteos ou a farmacéutica Indukern, acolle máis de 30 compañías que xeran preto de 300 empregos directos, segundo as cifras achegadas polo sector empresarial. Beatriz Sestayo puxo en valor a colaboración institucional co Concello que permitirá facer realidade un novo proxecto que contribuirá ao dinamismo da comarca, non só en termos económico e de investimento, senón tamén de cohesión social e de diversificación económica.

O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, grazas á promoción que ven facendo o Concello nos últimos anos, como o caso anunciado daf armacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento de máis de 60M€ e con máis de 100 empregos, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica, e novos proxectos industriais que están en fase de anteproxecto.