Skip to main content
A Pobra do Brollón

A IX edición de As Cores do Outono celebrarase o sábado 23 na Pobra do Brollón

Por 7 Setembro, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

O Concello da Pobra do Brollón vén de presentar o cartel da novena edición deste 2023 de As Cores do Outono, festival de música galega de raíz de referencia no sur de Lugo, formado por tres propostas musicais que buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos e que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Único coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón.

Os tres concertos terán lugar o sábado 23 a partir das 21.00 horas na área recreativa Samugueiros. Así, abrirán os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica, que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

Tras Abril, Xurxo Fernandes presentará xunto coa súa banda o espectáculo ‘Levaino!’ unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva. Despois, a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo.

Os concertos, que terán lugar na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón, contarán con presentación a cargo das Brindeiras da Guimaralia e haberá dúas quendas, unha de iniciación ás 18.00 horas e outra de perfeccionamento ás 19:00 horas. A programación compleméntase cuns obradoiros de baile a cargo de Ruth Pérez.

Teatro e circo

A programación de As Cores do Outono comezará o venres 22 cun espectáculo de circo para todos os públicos, Autoestopista galáctico da compañía Pistacatro. Un show de ciencia ficción, clown e transformismo, repleto de personaxes cómicos dotados de poderes que desafían a lei da gravidade.

O espectáculo será ás 20.00 horas no anfiteatro da área recreativa de Samugueiros, ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ en caso de chuvia, pero antes do circo, ás 17.30 horas haberá na Casa da Cultura unha charla sobre crianza e sexualidade, enmarcada no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Trátase dunha actividade pensada para familias, persoas coidadoras, con tutela ou ámbito profesional vinculado ás crianzas, onde poderán aprender, cuestionar e resolver dúbidas afectivo-sexuais a través do acompañamento profesional, nun espazo seguro e libre de xuízos.

Por outra parte, o domingo ás 19.00 horas na Casa da Cultura rematará o festival co espectáculo teatral O Auto do Castromil da compañía Excéntricas en coprodución con Centro Dramático Galego e dirección de Quico Cadaval.

A obra foi escrita por Manuel María e está protagonizada por un luxoso elenco formado por Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Eles serán os encargados de levar ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña ‘a través da curiosa historia da Galiza’.