Skip to main content
A Pobra do Brollón

Máis de 30 actividades desenvolvéronse na Pobra do Brollón ao abeiro da subvención Territorio Cultura

Por 9 Setembro, 2023Setembro 10th, 2023Sin comentarios

Dende xaneiro ata finais de agosto, o Concello da Pobra do Brollón acolleu unha intensa programación cultural grazas á subvención Territorio Cultura é xestionada pola Xunta de Galicia a través de Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.

Así, foron un total de 34 actividades culturais repartidas entre máis de vinte localizacións, que abarcaron once parroquias e aldeas. Incluíron diversas disciplinas tales como música, cinema, danza, artes plásticas ou divulgación científica.

Toda a programación estivo atravesada polo fomento da participación de veciñas e veciños, non só como axentes pasivos, senón tamén como suxeitos activos. Esta participación fíxose moi evidente nas foliadas guímaras e nos obradoiros de brindos, mais tamén noutras actividades como as andainas veciñais, os obradoiros infantís de verán ou o obradoiro-mural realizado recentemente en Salcedo.

Outro dos obxectivos que se perseguía foi o da deslocalización das actividades culturais. “Para nós é fundamental esta programación a pé da veciñanza; ir buscar á xente para fomentar que quen non teña tanta facilidade de desprazamento poida tamén participar na vida comunitaria e cultural”, sinala Xosé Lois Maceda, rexedor brollonés.

A meirande parte das actividades realizáronse en dependencias municipais e locais sociais veciñais, mais tamén en lugares de especial interese patrimonial como o Castro de San Lourenzo en Cereixa, as adegas medievais de Vilachá ou a Igrexa de San Xián en Veiga.

Perspectiva inclusiva

Outro dos trazos que atravesou toda esta programación cultural foi a súa perspectiva inclusiva. “O ciclo Novas Músicas Galegas amosa o noso compromiso coa igualdade de xénero, mais non só”,’ sinala Noelia Besteiro, concelleira de Cultura, Benestar e Igualdade.

“Nos obradoiros de brindos, realizados por un colectivo de improvisación oral abertamente inclusivo, e no festival Brindadeira, a igualdade de xénero foi unha constante tanto nas formas como nos contidos” apunta.

O brindo foi un dos grandes protagonistas da programación, con obradoiros nos bares, o festival de improvisación oral Brindadeira, e charlas divulgativas. “O brindo é un elemento importante do noso patrimonio inmaterial e temos a obriga de recuperalo, darlle sentido na sociedade contemporánea”, comenta Xosé Gago, técnico de cultura do Concello da Pobra do Brollón. “É un reto porque ten particularidades fronte a outros elementos patrimoniais nos que temos máis experiencia, mais que haxa hoxe novas brindeiras, froito dos obradoiros deste ano, é un orgullo”.

Dende o equipo de goberno valórase moi positivamente a programación e a achega en xeral, malia que suxiren de cara a futuras convocatorias da subvención Territorio Cultura que se conceda máis tempo de execución, para así desestacionalizar as actividades. “En concellos como o noso, tratamos de manter programación continuada ao longo do ano,’ sinala Maceda. ‘Cremos que sería moi positivo que o prazo de execución desta achega fose anual e non de oito meses como foi este ano”.