Skip to main content
A Pobra do Brollón

O Goberno local da Pobra do Brollón busca solucións á presencia de lodo na auga

Por 13 Setembro, 2023Setembro 14th, 2023Sin comentarios

As chuvias torrenciais dos últimos días, unido ao estado do monte tras os incendios do  ano pasado e as consecuentes sacas de madeira, provocaron arrastres que están a  encher de lodo os ríos Loureiro e Lor, que abastecen de auga a gran parte do municipio  da Pobra do Brollón.

Ante esta situación, o Concello da Pobra do Brollón viuse obrigado hoxe a emitir dous  bandos nos que se recomenda, ata novo aviso, non consumir a auga da billa nas zonas  de Barxa de Lor, Pereiro, Domiz, Recemunde, Tudriz, Martul, Vilardeperas, Lamaigrexa,  Castroncelos, Vilarmao, Piñeiros, A Estación, Cereixa, Abrence, Frieira, Pinel e A Pobra  do Brollón. Tamén estaban indicadas Eixón e Fornelas, pero actualmente xa non son  zonas afectadas.

‘O noso concello é vítima dunha situación derivada dunha grave crise medioambiental  provocada polos grandes incendios vividos o verán pasado,’ declara o alcalde da Pobra  do Brollón, Xosé Lois Maceda. ‘É previsible que nos vindeiros días coa amaina da  chuvia, mellore o estado da auga; pero esta situación seguramente se vai repetir ao  longo do outono-inverno.’

Maceda aclara que está en conversa con outras institucións para tratar de arranxar a  situación, entre elas, co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. O rexedor  tamén acordou coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a visita dun técnico para avaliar a situación e propoñer posibles solucións.

Entrementres, dende a área de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Brollón, ponse  en marcha un servizo de reparto de garrafas de auga ás parroquias afectadas,  especificamente, aos usuarios de Axuda no Fogar e a aquelas casas onde viven persoas  de colectivos vulnerables, atendendo a criterios económicos, de mobilidade ou de falta  de rede de apoios.

Dende Servizos Sociais apuntan que veciñas ou veciños nesa circunstancia de  vulnerabilidade dos que non teñan coñecemento nas oficinas, poden contactar para  que a súa situación sexa avaliada.