Skip to main content
A Pobra do Brollón

O festival de música galega de raíz da Pobra do Brollón celébrase este venres

Por 20 Setembro, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

Xa está todo listo na Pobra do Brollón para a novena edición de As Cores do Outono, un festival de música galega de raíz de referencia no sur de Lugo que terá lugar desde este venres, 22 de setembro, ata o domingo.

Os concertos son o foco do festival, este ano con tres propostas buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos: Mondra, Abril e Xurxo Fernandes co seu espectáculo Levaino!.

Ademais, este ano haberá un Punto Violeta atendido por persoal de Servizos Sociais do Concello e pola concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro. No posto ofrecerase información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista.

Protagonistas musicais

Os tres concertos terán lugar o sábado 23 a partir das 21.00 horas na área recreativa Samugueiros, onde tamén haberá postos de artesanía, comida e bar. Abrirán os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

Tras Abril e Xurxo Fernandes, quen presentará xunto coa súa banda o espectáculo Levaino!, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva; a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo. Os concertos contarán con presentacións improvisadas a cargo das Brindeiras da Guimaralia.

A programación do sábado compleméntase cuns obradoiros de baile a cargo de Ruth Pérez, que serán na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón, e haberá dúas quendas: de iniciación ás 18.00 horas e de perfeccionamento ás 19.00 horas.

Teatro e circo para enmarcar As Cores

A programación de As Cores do Outono comezará o venres 22 cun espectáculo de circo para todos os públicos, Autoestopista galácticoda compañía Pistacatro. Un show de ciencia ficción, clown e transformismo, repleto de personaxes cómicos dotados de poderes que desafían a lei da gravidade.

O espectáculo será ás 20:00h no anfiteatro da área recreativa de Samugueiros, ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ en caso de chuvia. Antes do circo, ás 17:30 horas, haberá na Casa da Cultura unha charla sobre crianza e sexualidade, enmarcada no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Trátase dunha actividade pensada para familias, persoas coidadoras, con tutela ou ámbito profesional vinculado ás crianzas, onde poderán aprender, cuestionar e resolver dúbidas afectivo-sexuais a través do acompañamento profesional, nun espazo seguro e libre de xuízos.

O domingo ás 19.00 horas na Casa da Cultura rematará o festival co espectáculo teatral O Auto do Castromil, da compañía Excéntricas en coprodución con Centro Dramático Galego e dirección de Quico Cadaval.  O Auto do Castromil chega á Pobra do Brollón a través da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.