Skip to main content
Taboada

Volve a Subida a Taboada tras dezasete anos

Por 15 Setembro, 2023Sin comentarios

Foto de José Manuel Lamas

O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro e o concelleiro de Cultura, Deportes e Medio Rural de Taboada Manuel Diéguez reuníronse para concretar unha colaboración institucional que permita recuperar esta proba de montaña, despois de dezasete anos sen celebrarse.

O Concello de Taboada e a Escudería Taboada coorganizan a carreira que terá o mesmo trazado que a última edición, celebrada en 2006, nun treito da estrada entre Rubián e Taboada, á entrada da vila.

Efrén Castro encadrou “a colaboración coa proba no apoio da área de Deportes ao automobilismo, con achegas e colaboracións cos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas e tamén con programas e convocatorias específicas para pilotos de rally”

Manuel Diéguez incidiu no “compromiso da concellería de Deportes de Taboada para facer realidade a recuperación deste rally, que queremos consolidar como un referente desta modalidade na comarca aproveitando tamén a oportunidade que supón para dinamizar a vila”

A Subida a Taboada será a ultima proba do Campionato Galego de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova, que tamén conta coa colaboración da área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.