Skip to main content
Cultura SARRIAXATriacastela

Descubrindo o patrimonio: Igrexa de Santalla de Alfoz de Triacastela

Por 3 Setembro, 2023Setembro 4th, 2023Sin comentarios

A parroquia de Santalla de Alfoz atópase ao norte de Triacastela, no medio dun val formado por antigas casas de labranza rodeadas de pastos, terras de cultivo e bosques de especies autóctonas.

Nesta parroquia atópase a Igrexa de Santalla de Alfoz, un templo de orixe románica situada sobre un outeiro que domina o val e xunto á antiga casa reitoral. Da súa orixe románica conserva a ábsida con contrafortes, modillóns e ocos tipo seteira, mentres que a sancristía está situada nun lateral.

A igrexa divídese en tres corpos: adro, nave principal cuberta a dúas augas con espadana neoclásica de tres vans e a ábsida románica cun primeiro plano rectangular e semicircular o posterior. Ademais, conta cun arco triunfal dobre sobre unhas piastras todo cuberto cunha bóveda de aresta.

As referencias documentais apuntan a que existiu unha igrexa prerrománica anterior á actual que data da época da repoboación de Triacastela por Alfonso IX no século XIII, momento no que o val de Santa Eulalia converteuse no alfoz ou arrabalde da nova poboación, pasando entón este termo para converterse no topónimo da parroquia.

Ademais, a igrexa de Santalla caracterízase pola sinxeleza en planta, alzado e recursos decorativos das igrexas da zona, encabezadas por Santiago de Triacastela.

Características da Igrexa

A Igrexa de Santalla de Alfoz de Triacastela é unha construción en cachotería de lousa que reserva os escasos perpiaños para certas partes nobres do edificio, como os arcos, e ten unha sinxela planta de nave única e ábsida semicircular lixeiramente máis estreita que o corpo da igrexa.

Foi ampliándose cara a occidente, polo que tanto a fachada como a cuberta que protexe a súa entrada non son os orixinais. Ao exterior, a ábsida preséntase como un tambor macizo articulado por dous estreitos contrafortes, que chegan á cornixa formada por laxas de pedra de diferentes tamaños e sostidas por bastos canecillos.

Por outra parte, o único van que posúe este templo é unha xanela cadrada no pano sur, onde tamén se atopa se abre unha estreita seteira. Alí, distínguese a parte oriental, que é románica, da prolongación moderna porque conserva a cornixa sobre laxas de pedra do mesmo tipo visto na ábsida. No muro norte, en cambio, ademais dunha seteira, ábrese unha sinxela porta formada por un arco de medio punto e de estreitas doelas.

Interior da Igrexa

No interior, a Igrexa está caracterizada pola mesma sinxeleza e pobreza construtiva que anunciaba o seu exterior. A nave aparece lixeiramente iluminada polas seteiras abucinadas dos muros norte e sur, mentres que a ábsida semicircular articúlase por dúas curvas e ábrese á nave cun arco triunfal sobre pilastras e dobrado cara á nave.

Con respecto ao retablo maior, este está formado por un conxunto neoclásico que consta dun corpo con ático con catro anxos e un pelicano, Santa Olalla, San Xosé e San Antonio e que data do século XIX. Ademais, consérvanse uns cálices dos séculos XVIII e XIX.

O único exceso decorativo do conxunto fórmao unha maltreita imposta de calcaria que articula o corpo baixo e a formación de bóveda do conxunto.

Así, a extrema sinxeleza do conxunto non é pola antigüidade, senón que denota a  falta de recursos dos que dispuxo a construción e da ausencia de pericia técnica do taller que construíu a igrexa, reducindo ao mínimo os habituais recursos artísticos do románico pleno.