Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

Descubrindo o patrimonio: Igrexa de Santa María de Ferreiros de Paradela

Por 23 Setembro, 2023Setembro 24th, 2023Sin comentarios

A Igrexa de Santa María de Ferreiros de Paradela localízase no lugar de Mirallos, polo que pasan miles de peregrinos cada ano a través dunha etapa do Camiño Francés, do Camiño de Santiago, que vai desde Sarria a Portomarín.

A construción deste templo levouse a cabo no século XII como herdanza dun antigo mosteiro, que foi priorado da Encomenda de Portomarín, e que foi dotado coas particularidades necesarias como para actuar de hospital para acoller aos peregrinos, debido á súa localización estratéxica para eles.

Así, no século XVIII, concretamente no ano 1798, a igrexa pasou a ser parroquia despois de trasladala, pedra por pedra, ao lugar de Eirexe. Por outra banda, Mirallos, nome que se di que significa “bela vista”, é un lugar moi ligado aos cabaleiros da Orde de San Xoán.

Elementos característicos do templo

A Igrexa de Santa María de Ferreiros de Paradela foi reformada en varios momentos, pero sempre se conservou o seu aspecto románico orixinal cunha portada principal románica, que destaca por riba do demais, aínda que o resto foi modificado.

A porta de entrada, pola súa parte, está formada por tres arquivoltas de medio punto con chambrana de axadrezado e sobre as columnas hai capiteis con ornamentación vexetal, rostros humanos e animais fantásticos.

Este tipo de decoración repítese en diferentes templos próximos á Igrexa de Santa María de Ferreiros de Paradela, como son o de San Lourenzo de Suar, o de San Xoán de Friolfe e o de Santo Estevo de Grallás, todos no Páramo; así como outros como o de San Salvador de Escuadro, en Silledo; o de San Cibrao de Repostería, en Palas de Rei; e o de San Xoán de Bouzao, en Taboada.

Pola súa parte, o tímpano é bilobulado, similar ao doutras igrexas próximas, e descansa sobre dúas mochetas con cabeza de león. Ademais, arriba de todo, coroa a fachada, unha espadana barroca engadida posteriormente da súa construción. Cabe destacar que a Igrexa de Santa María de Ferreiros ten unha soa nave e unha ábsida recta.

Pila bautismal e cemiterio

Fronte á entrada da Igrexa, localízase unha pila bautismal, que din ser do século VI, e que aínda conserva símbolos relixiosos da época medieval na que foi construída. Os estudosos pensan que está fóra do templo para adornar os arredores da construción.

Neses tempos, a pila bautismal servía para que as persoas levaran a cabo o sacramento do bautismo por inmersión no caso dos adultos, polo que non tiñan pedestal para facilitar o seu uso. Así, no románico si que se lles engadía un pedestal.

Pola súa parte, o cemiterio atópase dentro do recinto que ocupa a Igrexa e a pila bautismal, unha característica común das igrexas que se poden ver a través do Camiño de Santiago, que inclúen o seu cemiterio preto da igrexa.

Así, o cemiterio está rodeado por un pequeno xardín con céspede ben coidado e uns camiños feitos con lousas, que son as encargadas de unir as tumbas e os mausoleos.

No caso da Igrexa de Santa María de Ferreiros, algunhas tumbas datan do ano 1800, pero tamén hai mausoleos máis modernos con forma de hórreo.