Skip to main content
Paradela

Atópase un círculo e o primeiro petroglifo do Concello de Paradela

Por 7 Setembro, 2023Setembro 8th, 2023Sin comentarios

O Colectivo Patrimonio dos Ancares e a asociación Tir Na n´Og vén de comunicar ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a localización dun novo círculo no Concello de Paradela, concretamente na parroquia de Ferreiros, entre as aldeas de Delle e Fruxinde, a unha altitude duns 700 metros, no monte coñecido como Riba das Chousas.

Nese lugar, os integrantes destes dous colectivos aseguran atopar unha estrutura circular duns 50 por 45 metros cun muro que a circunda en todo o seu perímetro duns dous metros de ancho e unha altura de arredor de medio metro.

A súa localización foi posible grazas á tecnoloxía LIDAR (topografía do terreo realizada con láser), que serviu para descubrir o achado, que logo puideron constatar ao visitar o lugar.

O primeiro petroglifo de Paradela

A uns 400 metros do círculo, tamén localizaron o que se pode considerar o primeiro petróglifo do Concello de Paradela, que se atopa nas inmediacións da necrópole megalítica de Campo Maior, composta por dúas mámoas do período Neolítico (duns 6.000 anos de antigüidade).

Desde os colectivos aseguran que está moi erosionada, pero que documentaron unha combinación formada por tres círculos concéntricos con coviña central realizada sobre un afloramento granítico.

En Galicia, como acontece coa maioría das gravuras rupestres ao libre, trátase dun motivo enigmático, sendo obxecto do variadas interpretacións: representacións do sol, votivas, etc.

Ata esta descuberta, a única pedra, exenta, decorada do Concello de Paradela apareceu no castro da Croa de Barán, estudada por J. Carballo e publicada nun Boletín da Comisión de Monumento de Lugo no ano1943, onde di que as liñas que se ven pertencen ao grupo de representacións ultra-esquemáticas que representan unha danza funeraria pertencente á Idade do Bronce, pero desde os colectivos cren que non se debe incluír nos gravados rupestres clásicos, senón entre os motivos decorativos bastante correntes na época dos castros.