Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXADeportes TERRACHÁXA

O Castro inicia este domingo a súa andaina na Preferente cun equipo renovado

Por 9 Setembro, 2023Setembro 10th, 2023Sin comentarios

Por fin chegou o día para o CD Castro, que este domingo iniciará a súa nova andaina pola liga Preferente. O seu debut será a domicilio ante o Boiro, a partir das 18.00 horas.

O equipo chairego ten por diante 34 xornadas ata o 19 de maio para amosar que foi un acerto o seu ascenso á categoría o ano pasado.

Xunto ao Castro estarán na categoría outros equipos da provincia, como o Ribadeo, o Lemos e o Residencia, ademais doutro da comarca, o CD As Pontes.

Será un debut difícil para os chairegos, que se enfrontan a un dos grandes da categoría, que o ano pasado quedou terceiro na xeral e clasificou para xogar a previa da Copa do Rei.

O conxunto presentouse este mes ante o seu público, no Arturo Pereiro, xunto ao resto da canteira e o equipo técnico do club. O primeiro equipo xogou un partido de pretempada ante o CD As Pontes, que será rival na liga, e ao que venceu nos minutos finais cun golazo de Buide.

Para enfrontar esta tempada o CD Castro conta con varias novidades nas súas filas, que continúan dirixidas por Rafa Casanova, que se incorporou a media tempada. A última incorporación do equipo foi a de Dapo, centrocampista de core defensivo que procede do Pol e que xogou tamén no Betanzos, Arteixo e Ribadeo.

O equipo reforzouse tamén con Bugy (David Martínez Loureiro), que se incorpora para poñese entre os tres paus. Incorpórase despois de militar nas filas de equipos como Montañeros, Bergantiños, Fisterra ou Rácing Vilalbés, do que procede actualmente.

No mes de xullo, o equipo anunciara tamén a continuidade do seu capitán, Diego Pardeiro Morado (Dumi); de Miguel Ángel López Puente (Magel), que xoga pola banda esquerda; de Joel Folgueira Fernández (Jou), que xoga en banda dereita; de Víctor Cabado Rodríguez, na súa terceira tempada no club; o goleador Rodolfo Periale (Fito), ou os doutros como Diego Muíña Ríos, Pedro Díaz Pedreira, Hugo Buide Freire, José Luis Fernández Vázquez, Juan Manuel García Rozas, Adrián Román, Noel Escanlar o José Manuel Osorio (Josema).

Entre as novas incorporacións está José Castro Vilarín (Marino), que militou no Viveiro, Rácing Vilalbés e Sarriana entre outros; Diego López Vázquez (Dieguito), procedente do Taboada; Marco Díaz Méndez, que regresa tras unha estadía no Lemos; Iago Buján López, procedente da Residencia e formado no Vilalbés; Daniel Montes Currás, defensa central formado tamén no Vilalbés, e o regreso de Álvaro Rodríguez González (Alvarito).