Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O PP critica a Tomé por querer aumentar as taxas do centro de recría un 40%

Por 23 Setembro, 2023Sin comentarios

Antonio Ameijide anuncia xuntanzas cos afectados para coñecer con detalle como lles afecta esta suba do prezo e para estudar as diferentes vías a tomar e paliar os efectos negativos que a nova taxa terá nas súas explotacións.

O PP provincial afirma que “non permitirá que os gandeiros paguen a nefasta xestión de Tomé no centro de recría, onde quere aumentar as taxas un 40%”.

Explican os populares que no ano 2015 botaba a andar un dos proxectos estrela do que fora presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, coa inauguración do mesmo, pero non foi ata 3 anos despois, no ano 2018, cando comezou a súa actividade.

Na súa apertura, o presidente naquel intre, Darío Campos, cifraba en tres millóns de euros os beneficios anuais que xerará o centro “pero a realidade é que dende a súa apertura sempre deu perdas”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, lembra que o centro de recría da granxa Gayoso Castro foi o primeiro centro público destas características en España e foi financiado na súa totalidade con cartos públicos. “Un investimento de máis de 13 millóns de euros aos que hai que engadir o 1.5M€ da construción da planta de biogás”, recordou.

Agora, o presidente Tomé e os seus socios do BNG propoñen unha suba brutal, de en torno ao 40% —dende a apertura do centro—, do custe por día que pretenden repercutir nos gandeiros que teñan neste centro as súas xovencas, pasando dos 2,39€ animal/día de 2018 aos 3,33€ xovenca/día que aprobarán no pleno do martes. Con respecto ao prezo vixente na actualidade a suba é dos 2,55€ aos 3,33€ (incremento do 30,58€).

Ante esta proposta do goberno provincial, os deputados do Grupo Provincial Popular realizaron xestións para coñecer as taxas que se aplican noutros centros privados de características semellantes, que deixaron como resultado que “hai centros privados de recría, dentro da provincia de Lugo, que aplican unha taxa de 2,80€ animal/día aos gandeiros, moi por debaixo do que quere aplicar o presidente Tomé”.

O voceiro popular afirma que un dos argumentos que esgrime Tomé para subir as taxas do centro de recría é que aos gandeiros lles subiron o prezo do leite. “Non é xustificación, ademais de ser mentira, porque durante todo o 2023 a tendencia do prezo do leite é a baixa, tamén teñen que asumir o aumento dos custes dos seus propios aprovisionamentos”, afirmou.

CONTAS SOBREDIMENSIONADAS

Antonio Ameijide explica que estudando o informe facilitado pola Deputación de Lugo “atopamos moitas incongruencias xa que os datos estimados facilitados a Facenda distan moito das contas reais da empresa que xestiona o centro de recría”.

Nos datos facilitados polo goberno provincial estiman que haberá unha suba dos subministros e dos custes de explotación dun 72%, cifra que se rebaixa notablemente se se consultan os datos económicos da conta da empresa sobre a compra de aprovisionamentos, que deixa esta suba de custes nun 22%.

Segundo os datos económicos da empresa houbo un incremento de 270.000€ no custo dos aprovisionamentos, “polo que non se entenden os cálculos validados no acordo proposto pola Deputación de Lugo”.

Como exemplo, os populares citan a suba do prezo do gasoil. Nos datos facilitados pola Deputación advírtese dun aumento no custo do 50%, pero segundo as contas da empresa rebaixase ata o 35%.

Un estudo de custes que Antonio Ameijide valora positivamente, pero tamén explica que se bota en falta información sobre o volume de negocio do centro de recría xa que, aparentemente, está estancado. “Non se sabe a realidade deste centro. Como nos teñen afeitos, cero transparencia, e teñen que deixar claro se está a funcionar o centro, como está a funcionar e que nivel de ocupación ten”, explicou.

Antonio Ameijide afirma que “están a aplicar ao centro de recría o modelo de xestión PSOE: cando a recadación baixa, soben impostos, en lugar de centrarse en buscar solucións para mellorar a xestión. O que está claro é que se aumentas os custos non vas ter máis clientes”.

PLANTA DE BIOGÁS

Antonio Ameijide recorda que a planta de biogás rematouse no ano 2015 e nunca chegou a estar en funcionamento. Unha obra que tivo un custo de 1.450.000€.

Segundo o goberno provincial, esta instalación proporcionaría 300Kw de enerxía co tratamento de 32.000 metros cúbicos de xurros, estercos e residuos vexetais, o que permitirá que as instalacións, ademais de ser autosuficientes, tamén poderán producir excedentes de enerxía. Quedarán libres 2.000 mw eléctricos anuais, o suficiente para abastecer 250 vivendas e aforrar 200.0000 euros de luz ao ano, así como outros 1.700 mw térmicos, o equivalente a 100.000 euros de auga quente ou calefacción.

Antonio Ameijide resume a xestión do goberno provincial no centro de recría Gayoso Castro como “un fracaso absoluto, polo que non imos a permitir que os fracasos de PSOE e BNG os paguen os gandeiros”.