Skip to main content
Cospeito

A Festa da Filloa de Muimenta recibe o premio á excelencia turística

Por 27 Setembro, 2023Sin comentarios

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este mércores, no Día Mundial do Turismo, o acto de entrega da cuarta edición dos premios á excelencia do turismo e a gastronomía da provincia, que se celebrou na Praza de San Marcos. Un galardón que este ano recoñece á Festa da Filloa de Muimenta, en Cospeito, polo seu traballo a favor da posta en valor deste produto gastronómico galego durante máis de trinta anos, porque “poucas cousas hai máis galegas que as filloas, esa sobremesa que para uns se remonta a tempos dos romanos e para outros sería mesmo anterior”, indicou García Porto.

A Deputada felicitou ás persoas organizadoras da cita, a asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta, e agradeceulles que “convertesen este ano o acto de entrega deste premio nun auténtico agasallo para todos os veciños e veciñas de Lugo”, que puideron degustar na praza de San Marcos este manxar recén feito, facendo referencia a que as filloeiras Ana e Dosinda estiveron cociñando ao longo da mañá diante da sede da Deputación.

“A elaboración das filloas ten sido historicamente unha tarefa feminina, ligada a eses roles que confinaban ás mulleres á casa e á cociña. Hoxe, nunha sociedade que non permite nin un retroceso no camiño da igualdade, a Festa da Filloa de Muimenta é tamén un xeito de reivindicar o papel fundamental das mulleres no rural, da súa aportación inmensa, imprescindible, á nosa cultura e á nosa gastronomía”, enxalzou a deputada.

García Porto destacou así mesmo que esta cita é “un exemplo de como arredor do turismo se poden artellar iniciativas transversais para o desenvolvemento do noso rural, unha idea clave no deseño das políticas públicas desta Deputación”.

Para a Deputada, o rural conta “con moitos elementos de peso para seguir avanzando cara un futuro de progreso, como a gastronomía, a cultura, os costumes ou o patrimonio, unha mensaxe que lanza a Festa da Filloa de Muimenta, e o compromiso que respaldamos dende a Deputación”.

A institución provincial apoia de xeito anual esta cita cunha achega de 7.000€ para contribuír a dinamizar a economía local e da comarca.

A colectivo organizador da Festa da Filloa recibiu na persoa do seu coordinador, José Manuel Rus, un diploma e unha peza de cerámica de Gundivós, que acreditan o recoñecemento realizado dende o Consello Provincial de Turismo, un órgano consultivo e de participación para favorecer a gobernanza turística da provincia que foi promovido e está presidido pola Deputación de Lugo.

No acto tamén estiveron presentes membros do Consello Provincial de Turismo, conformado por entidades vinculadas a este sector e representantes dos tres grupos políticos con representación na Corporación provincial.

Un pobo totalmente implicado

A Festa da Filloa celébrase dende o ano 1992 na localidade chairega cada primeiro de maio, e conta coa declaración de Interese Turístico Galego. Naceu co obxectivo de recadar fondos para a Moexmu, pero cunha gran implicación veciñal logrouse que se convertera nunha cita asentada no calendario dos festexos gastronómicos de Galicia.

Máis de duascentas persoas traballan de xeito desinteresado para sacar adiante ano tras ano a Festa da Filloa, que se celebra no recinto feiral Manuel Vila. Dende a organización destacan que, “como mínimo, de cada casa de Muimenta, acode un membro a traballar”.

Na pasada edición batéronse todos os récords, chegando a facer máis de 20.000 filloas na festa, ademais de 1.000 racións de churrasco, unha oferta gastronómica complementada con actividades e actuacións de música e baile tradicional, así como un certame de debuxo e relato da filloa.

Escola de fiolleiros e fiolleiras

Nos anos 80 e 90 só facían as filloas as persoas maiores das casas desta localidade, especialmente durante o Entroido ou durante a época das matanzas. Pero esta realidade mudou no ano 2006 grazas á posta en marcha da escola de fiolleiros e fiolleiras, que aseguran o relevo xeracional desta receita, ademais de desentacionalizar o seu consumo na comarca.

Con auga, fariña, ovo, sal e aceite, esta particular escola de reposteiros transmitiu o seu bo facer e os segredos da cociña ás xeracións máis novas. Hoxe, o día da Festa da Filloa, moitos dos fiolleiros e fiolleiras teñen menos de corenta anos, son homes e mulleres, e transmiten a receita aos seus fillos e netos. “O que comezou sendo unha maneira de financiar a Moexmu logrou resituar ás filloas nas nosas casas, nos nosos menús, nas nosas festas e nos nosos corazóns”, resaltan dende a organización da Festa da Filloa.

A súa arte facendo filloas é tida en conta en todo país, sendo reclamados para a súa participación en eventos de diferentes vilas e cidades, incluso para protagonizar anuncios publicitarios.