Skip to main content
Muras

Arranca hoxe en Muras unha Feira do Poldro con máis premios

Por 23 Setembro, 2023Setembro 24th, 2023Sin comentarios

Muras celebrará mañá domingo a trixésimo quinta edición da Feira do Poldro e do Gando de Monte, que promociona a tradición gandeira do concello e do Xistral e concentra unha parte importante do gando cabalar do país.

A feira abrirá ás 10.00 horas coa cualificación do gando. Será ás 11.00 horas cando se inicie o concurso morfolóxico de Puraga ao mesmo tempo que abrirá a exhibición de escultura de madeira con motoserra.

Ao mediodía degustarase como todos os anos a hamburguesa Gañidoira de carne de poldro xunto coas carreiras de cabalo marchador. Pola tarde terán lugar as carreiras da asociación Atila (ás 15.45 horas), que este ano serán só de andadura nas modalidaes serrada e chapeada. Tanto para as carreiras como para o concurso de animais requírese inscrición previa, no enderezo electrónico administracion@muras.gal

Rematará a sesión coa entrega de premios, sobre as 19.00 horas. Haberá premios en metálicos para os cinco primeiros clasificados con alzada superior a 1,50 e outros tantos para os de inferior a esa medida. Oscilan entre os 150 dos primeiros a 30 dos terceiros.

Catro premios tamén para a mellor cría de cabalos do ano, o mellor semental bovino, mellor lote bovino, mellor cría bovina, mellor semental cabalar, mellor egua, mellor lote cabalar e maior número de cabezas de gando. O montante será de 150 euros para os primeiros, 100 para os segundos e 75 para os terceiros.

Ademais haberá cinco premios de entre 300 e 75 euros para o que presente o maior número de cabezas de gando.

Os premios están ao cargo do Concello de Muras e serán entregados en cheque.

Ademais, están previstas outras actividades infantís de balde como un bautismo hípico de 12.00 a 14.00. horas e de 16.00 a 18.00 horas, e inchables e toro mecánico de 11.30. 14.30 horas. Non faltará tamén a animación musical durante toda a xornada. Completarase a programación tamén cunha exhibición de maquinaria antiga.

XORNADA DO SÁBADO

Nesta ocasión, haberá tamén actividades a xornada previa do sábado. Así, está previsto que se realice, ás 20.00 horas outra degustación de hamburguesas de carne de poldro, ao que seguirá unha sesió nde xogos rurais a cargo da asociación Atila.

De feito o Concello quixo facer público o seu agradecemento a esta asociación polo seu apoio para sumarse e colaborar con todas as actividades que se organizan durante o ano. De feito, farase unha pequena homenaxe na feira a Atila.