Skip to main content
As Pontes

O Concello das Pontes reclama o mantemento das vivendas interxeneracionais do IGVS

Por 22 Setembro, 2023Setembro 23rd, 2023Sin comentarios

O Concello das Pontes reclama o mantemento do edificio destinado a vivendas interxeneracionais sitas na rúa Sergio Rivera Chao.

A través dunha carta remitida á Consellería de vivenda, á dirección do IGVS e á Área provincial do IGVS,  o Concello das Pontes subliña as incidencias que sofren os veciños e veciñas do inmoble, “un edificio onde conviven un gran número de persoas dependentes de avanzada idade e con mobilidade reducida que precisan de que os ascensores funcionen axeitadamente así como a caldeira, entre outras cuestións” apuntan desde o Concello das Pontes.

Así, na carta enviada pola entidade local sublíñanse as continuas incidencias causadas pola falta de mantemento e reparación do chan dun dos ascensores, que está inhabilitado desde fai moitos meses, así como as continúas avarías doutro dos elevadores que provoca que, en moitas ocasións, queden atrapadas as persoas residentes.

Tamén se evidencian os problemas de inundacións no baixo que provocan que deixen de funcionar a caldeira que subministra a calefacción e a agua quente, un problema que leva meses sin solución definitiva. “Cabe resaltar que no baixo dese edificio está situado o centro de día, que na actualidade está sen calefacción e auga quente, non podendo cumprir coas medidas hixiénico sanitarias correspondentes e a afectando ás persoas usuarias deste recurso sociosanitario e ao seu correcto funcionamento” remarcan desde o Concello

Desde o Concello reclaman unha reunión urxente cos organismos responsables do edificio destinado a vivendas interxeneracionais na rúa Sergio Rivera Chao co fin de tratar o seu estado e solicitan, así mesmo, unha visita presencial das autoridades implicadas para comprobar as instalacións e darlle unha solución na maior brevidade posible ante a proximidade do outono.