Skip to main content
Comarca TERRACHÁXAVilalba

Catro empresas optan ás obras do sistema de depuración na autovía Ferrol-Vilalba

Por 1 Setembro, 2023Sin comentarios

Os traballos suporán un investimento de case 3,8 M€ e contarán cunha duración de 4 anos, prevéndose o seu comezo o 1 de xaneiro de 2024, ao remate do actual contrato.

A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas para a xestión do sistema de depuración das augas superficiais da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo concello das Pontes de García Rodríguez.

Mediante este contrato, que suporá un investimento de case 3,8 millóns de euros, levaranse a cabo os servizos de explotación e optimización das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais no tramo da autovía á altura de Mariñadela, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta pH normal.

Os traballos, que contan cunha duración de 4 anos, iniciaranse o 1 de xaneiro de 2024, ao remate do actual contrato, que vence o 31 de decembro deste ano.

Antecedentes

Tras as obras realizadas na construción da AG-64, concretamente no tramo pertencente ao concello das Pontes de García Rodríguez, á altura de Mariñadela, quedaron ao descuberto materiais piríticos cuxa oxidación acentuaban a acidez que xa posúen de forma natural as augas da zona, cos conseguintes efectos na conca do río Chamoselo, tributario do Eume, e no Eume.

Para corrixir os problemas detectados, a Xunta desenvolveu un plan de actuación encamiñado a minimizar as causas que provocan a acidificación, procedendo ao selado do vertedoiro-amoreo dos Airíos, gunitado dos noiros do desmonte da Mourela e impermeabilización dos noiros do terraplén da autovía.

En paralelo a estas intervencións, definiuse un tratamento integral dos cursos de auga afectados pola acidificación, nos ríos Eume e tributarios e no encoro do Eume, alcanzándose unha situación estable en canto ao funcionamento do sistema de tratamento das augas ácidas, cuxo mantemento foi asumido pola Xunta.

Os traballos obxecto de contratación

En detalle, o obxectivo deste contrato é a explotación das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta o pH normal.

Os traballos consisten na neutralización controlada do efluente, para o que existe unha rede de pHmetros en todos os treitos dos ríos Chamoselo e Lavadoiro e os seus afluentes principais, con puntos de adición de hidróxido de cal en función do pH do punto de control do río e do de augas abaixo. En concreto, no río Eume existen dous pHmetros de control augas abaixo da desembocadura do río Chamoselo.

Tamén se realizará a precipitación da fracción insoluble mediante decantación, a extracción dos lodos decantados e a súa deshidratación mediante filtro prensa.