Skip to main content
Vilalba

A veciñanza de Noche nas Festas de Vilalba

Por 3 Setembro, 2023Setembro 4th, 2023Sin comentarios

Algúns veciños da parroquia homenaxeada este ano falan sobre os seus momentos preferidos nas celebracións, así como das súas lembranzas e vivencias doutros anos como son os momentos de baile, as merendas ou como vivían.

“Levaremos produtos propios da nosa parroquia ás festas”

Veva Losada, membo da As Asociación Recreativa Cultural Nausti

“Son Veva Losada, membro da directiva da Asociación Recreativa Cultural Nausti da parroquia de Noche. Estamos contentos e estamos ilusionados, imos participar nun acto como veciños e como asociación, levaremos a Vilalba o día da ofrenda unha especie de sartego feito por uns nenos e unha bandeira do Nausti. Ademais, levaremos produtos gastronómicos propios de aquí, xa que temos dúas granxas de leite e levaremos un queixo, hai uns rapaces que fan produtos ecolóxicos, hai outros que fan mel e levarémolo a Vilalba… Sairemos desde o Concello e, acompañados dun grupo de gaitas, andaremos ata a igrexa coas cousas, onde haberá unha misa”.

A Asociación Cultural de Nausti comezou a funcionar coa directiva actual hai dous anos, aínda que foi fundada no 1985. Actualmente, nove persoas forman parte da asociación, que recibe o nome da man do cura Jose Luis Parga Santiago, quen fundou o asociación con varios veciños de Noche.

Durante o ano, fan diversas actividades para a veciñanza, como un curso de ioga, ximnasia, restauración de mobles, un taller de flores, comidas de San Xoán, algunha excursión como a deste ano a Taramundi e Mondoñedo… Agora, a finais de verán, teñen pensado facer unha excursión a Portugal. Pero tamén organizan a festa dos Reis Magos e o Entroido no local social.

Pola súa parte, José Antonio Pita, vicepresidente da Asociación Nausti da parroquia de Noche de Vilalba explica que leva dous anos sendo asumindo este labor, que espera rematar tras catro años de traballo, xa que “hai que deixar paso a novos veciños que teñan a mesma ilusión que tivemos nós ao principio e saber adaptarse para, como se adoita dicir, traer savia nova”.

Así o fixeron, explica Pita, as anteriores directivas, que “levaron a cabo grandes accións e grazas a isto hoxe podemos desfrutar dunha cancha de tenis, dun campo de fútbol, dunha escola e lugar social precioso, pediron ao Concello que arranxaran as estradas que nos conectan co centro da vila…

Porén, durante tres ou catro anos, a asociación estivo sen directiva porque os veciños non se poñían de acordo e aí foi cando el e Noelia asumiron a directiva, xa que “había que facer cousas polos veciños”.

Así, comenta que a intención desde a directiva da asociación é poñer en valor a parroquia de Noche e desenvolver actividades para os veciños como os Reis Magos para os nenos, os cursos de ioga, o obradoiro de restauración de mobles, o San Xoán, organizamos unha romaría que engloba a tradición de que as mulleres leven a roupa a lavar ao río e xúntase moita xente…

En definitiva, “facemos actividades para que as 209 persoas que viven en Noche se sentan representadas e que se poña en valor a parroquia, como fai este ano o Concello elixindo a Noche como a parroquia das festas”, argumenta. Ademais, explica que xa están a facer os preparativos para a ofrenda e defende que “estamos moi ilusionados porque todo o que sexa enxalzar a parroquia onde vives e resides, é bo, xa que se pon en valor o rural e a España vaciada, é necesario que que as parroquias se visibilicen”.

Consuelo:

“Levo 54 anos vivindo en San Martiño de Noche e agora non vou ao San Ramón porque estou maior, pero antes íamos no autobús de liña que pasaba por aquí, recollíanos e íamos a Vilalba a bailar un pouco. Eu naqueles tempos era moi bailadora e o meu marido tamén, así que iamos e bailabamos moito. Encántanme as festas e a música, por iso estamos moi contentos de saír elixidos como a parroquia deste ano”.

Marta:

“A min paréceme ben que elixiran Noche como a parroquia do San Ramón porque Vilalba no só é o centro, as parroquias son as que forman o municipio e moita xente marcha das parroquias a traballar fóra e non nos axudan para poder vivir na aldea. Gústannos moito as festas do San Ramón porque son variadas, hai para nenos e para maiores. Eu, cando era máis nova, ía á xira campestre en cuadrilla e faciamos un caseto, porque moitas veces chovía  e era para protexernos. Agora, a miña filla vai sempre ao Día da Bicicleta e lévoa porque son as festas do pobo e creo que debemos ir, xa que teñen moito éxito”.

José Antonio:

“Estou moi contento de que elixiran a Noche como a parroquia deste ano porque me gustan moito as Festas do San Ramón. Eu son de aquí de Noche, pero tamén fun concelleiro de Deportes en Vilalba entre o ano 1983 e o 1987, así como recentemente fun concelleiro de Cultura, entre os anos 2015 e 2017, e sei o que custa organizar unhas festas. Para os veciños é un momento de unión e de poñer en valor a parroquia, os pobos e a calidade de Vilalba, porque é unha festa para todos, non de partidos políticos. Hai xente que pode pensar que están ben, outros que poderían mellorar, pero está claro que coas eleccións e o pouco tempo que tivo o novo goberno para organizalas, que as haxa xa é un mérito”.

Mercedes:

“Estou contenta de vivir aquí, na parroquia de Noche, e moi contenta tamén porque fora elixida esta parroquia este ano nas Festas de San Ramón de Vilalba, algún día lle tiña que tocar. Esta aldea é pequena, pero bonita. Temos arredor de 100 habitantes e moitas casas pechadas, pero tamén se están a comprar algunhas delas e hai nenos e nenas que van ao colexio de Vilalba, xa que estamos só a catro quilómetros do centro da vila. Ao estar tan preto, antes iamos andando ás festas. Eran as festas máis bonitas. Había polbo, música e atraccións para os nenos. Chegabamos ás 4.00 horas da mañá á casa e ás 06.00 horas ía segar a herba co meu pai”.