Skip to main content
Xermade

Arranca en Xermade outro exitoso Encontro de Torneiros

Por 16 Setembro, 2023Setembro 17th, 2023Sin comentarios

Numerosas autoridades participaron en Xermade na inauguración do XXIII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra ata este domingo no polideportivo da localidade chairega. Unha cita que conta unha edición máis con destacados profesionais do mundo da tornería chegados de diversos países, exposicións de obras de artesanía, talleres e demostracións en vivo.

José Tomé destacou o compromiso da institución provincial con esta cita, para a que a Deputación de Lugo incrementou en máis dun 30% a achega económica este ano, ata os 9.000€, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos. Felicitou ao Alcalde polo “gran traballo” que está desenvolvendo xunto co seu equipo para sacar adiante este encontro, e para contribuír, desta forma, “á conservación e á posta en valor deste oficio e, ao mesmo tempo, para promocionar o concello e favorecer o seu dinamismo social e económico, algo tan importante para o noso rural”.

Puxo en valor o Presidente que “son xa máis de dúas décadas poñendo en valor a artesanía e o sector da madeira, que é unha potencia de primeiro nivel na nosa provincia” e que esta nova edición “converterá ao concello de Xermade nun escaparate mundial deste oficio tradicional que está máis vivo ca nunca, como se vén demostrando nesta cita cada edición, un espazo no que se presentan pezas que son verdadeiras obras de arte, dende traballos tradicionais da artesanía a obra de deseño vangardista”.

Este ano o encontro conta con expertos e profesionais da tornería como o inglés Stewart Furini, o francés Jean Claude Charpignon, o malagueño Francisco Boyero e o galego Lolo Castro. Así mesmo, haberá exhibicións de pezas, demostracións en vivo e puntos de venda de distintos produtos artesanais de madeira.

Na súa intervención, o mandatario provincial destacou tamén “as mans e o talento que están detrás destes traballos. Torneiros -homes e mulleres-, chegados de toda Galicia e doutros lugares do mundo, que nos ofrecen a oportunidade de desfrutar en vivo da súa arte e creatividade, algo que se converte nunha das claves do éxito deste encontro”.

Centro Internacional de Tornaría

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou o apoio do Goberno para impulsar o futuro Centro Internacional de Tornaría, achegando máis de 400.000 euros ao Concello para rehabilitar a antiga casa reitoral. “Dende o Goberno cremos que oficios como estes deben seguir adiante e manterse porque son un exemplo de compromiso co rural e de expansión das tradicións únicas”, salientou a subdelegada.

Neste senso, a subdelegada manifestou o seu sentimento de ledicia ao poder contemplar anos de avances nunha cita única na Comunidade galega e con proxección internacional, sendo beneficioso para o municipio ao ser a principal testemuña deste oficio, remarcando que “son os únicos que están a seguir producindo e investigando novas técnicas, materiais e formas.”.

Ao mesmo tempo, a representante do Goberno destacou que é un evento perfecto para admirar a historia de Xermade e da provincia dende a perspectiva desta arte e gozar das fantásticas pezas feitas con “respecto, agarimo ou esmero pola técnica do torneado”, no que arredor de 60 torneiros, compartirán formas e métodos cos que están a traballar arredor do mundo.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou no Encontro Internacional de Torneiros, no que a Xunta colabora desde o seu inicio. “A colaboración coa organización deste tipo de actividades de impulso á conservación dos oficios artesanais tradicionais forma parte da estratexia da Xunta de Galicia para impulsar e consolidar o sector artesán. A recuperación, o mantemento e a divulgación de profesións ancestrais constitúe unha ferramenta de dinamización social e de posta en valor da cultura, ademais de establecer referentes para os novos profesionais que se achegan a Artesanía de Galicia”, dixo.