Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Arredor de 600 persoas desempregadas poderán formar parte de 40 accións formativas da Xunta

A Xunta de Galicia investirá na Mariña 1.928.700 euros no desenvolvemento de 40 accións formativas dirixidas a 600 traballadores desempregados, segundo comunicou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias.

O obxectivo, segundo explicou Arias, é mellorar a empregabilidade dos participantes mediante a súa cualificación para o desempeño de especialidades con demanda no mercado de traballo. “A experiencia indica que 7 de cada 10 persoas que participan nestes cursos conseguen unha efectiva inserción laboral”.

As axudas diríxense na comarca a oito entidades acreditadas para impartir formación profesional para o emprego, entre eles tres concellos: o de Burela promove cursos sobre servizos administrativos, atención sociosanitaria e actividades de tempo libre; o do Valadouro, ofrece formación en conservación e mellora de montes e agricultura, e o de Xove en atención sociosanitaria e socorrismo.

As persoas beneficiarias das accións son desempregadas, afectadas por ERTE, por suspensión de contrato ou con redución de xornada, así como galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Tamén poden tomar parte traballadores en activo, sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

Favorécese tamén a participación de colectivos prioritarios como mulleres, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos, desempregados de longa duración e emigrantes retornados. Os alumnos e alumnas que o desexen, poderán acceder a estes cursos a través das oficinas de emprego de Galicia; na páxina web ou mediante solicitude directa ás entidades de formación.