Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mancomunidade comeza a elaborar o Plan Director do Turismo Gastronómico na Mariña Lucense

Por 30 Outubro, 2023Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense avanza na execución do Plan de Sostibilidade Turística 2022 – 2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, -co apoio da Deputación de Lugo-, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. Agora vén de adxudicar a elaboración dun Plan Director do Turismo Gastronómico na Mariña Lucense.

Desde a Mancomunidade explican que “a gastronomía é un segmento imprescindible na proxección da Mariña como destino turístico de calidade, un reclamo para a diferenciación e unha oportunidade para favorecer a desestacionalización e o incremento do gasto medio, captando a atención de visitantes que esperen coñecer, degustar e gozar dunha cultura gastronómica con identidade, ben como complemento que aporta valor á estancia, ou ben -máis a longo prazo- para aqueles que consideran a gastronomía a motivación principal da súa viaxe”.

Rocío López, presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, referiuse a esta actuación: “pola súa potencialidade A Mariña aspira a ser un destino destacado do turismo gastronómico en Galicia, conformando unha proposta competitiva asociada a valores como o respecto pola cultural local e a tradición, a autenticidade e a sostibilidade. E para abordar a consecución destes obxectivos contratouse a elaboración dun Plan Director do Turismo Gastronómico na Mariña. Este proxecto ten como obxectivo propoñer unha estratexia competitiva clara para o turismo gastronómico na Mariña e un plan de acción con medidas que permitan desenvolver e mellorar produtos e experiencias de turismo gastronómico baseados na cadea de valor da gastronomía local, promocionar e apoiar a comercialización da oferta actual e definir un posible modelo de colaboración e gobernanza”.

A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, contou que “vimos de manter unha primeira xuntanza con algúns representantes da cadea de valor no ámbito da gastronomía no territorio -produtores, restauradores, obradoiros, formadores e coñecedores da actividade- que tivo por obxecto informar do proxecto que se está levando a cabo e recoller aportacións e ideas que permitan perfilar os principais retos estratéxicos para a actividade e comezar a trazar a folla de ruta do turismo gastronómico na Mariña nos próximos anos. Trátase dun proceso que vai a continuar ao longo destes meses con mais xuntanzas e entrevistas individuais a axentes clave no ámbito da gastronomía na Mariña”.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, engadiu: “ademais deste traballo, seguimos avanzando no resto de actuacións recollidas no PST, como os estudos de capacidade de carga en once lugares de especial fraxilidade, a redacción do proxecto técnico para o Centro BTT na Mariña Lucense, da rede de rutas de sendeirismo, o SICTED, a reactivación da Ruta Pardo de Cela ou os pregos de contratación para as accións recollidas no plan de marketing turístico da Mariña de cara os próximos anos, entre outros”.