Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Investiranse 4 millóns de euros na mellora dos portos da Mariña no 2024

Por 19 Outubro, 2023Sin comentarios

A Xunta contempla 4 millóns de euros nos orzamentos de 2024 para actuacións de mellora nos portos de titularidade autonómica da Mariña lucense. Así o anunciou este xoves o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita ao porto de Ribadeo para presentar as previsións de investimento do seu departamento na comarca durante o vindeiro ano.

O titular de Mar explicou que se contemplan en total investimentos en sete actuacións portuarias na Mariña de Lugo. Estas supoñen unha anualidade global de 4 millóns de euros para o 2024 e cuxo importe total do conxunto das obras previstas  ascende a 14 millóns.

Deste xeito, detallou que o Goberno autonómico prevé investir nas obras de reforzo do abrigo e a ampliación das instalacións para embarcacións menores en Celeiro, o acondicionamento de locais en San Cibrao e o reforzo do abrigo de Burela. Ademais, levarase a cabo a mellora de abrigo en Morás, a remodelación da dársena de Foz e a dragaxe do peirao de Ribadeo.

Dous millóns de euros para a dragaxe do peirao de Ribadeo

Esta última é precisamente a actuación con maior orzamento previsto para 2024, cun total de 2 millóns de euros. A tramitación deste expediente atópase na súa fase final e está previsto que os traballos poidan iniciarse antes de finais deste ano. Polo que respecta a Burela, o reforzo do dique de abrigo, pendente de saír a licitación, conta cunha anualidade orzamentaria para 2024 de 830.000 euros.

No caso de Viveiro contémplanse dúas actuacións: a ampliación das instalacións para embarcacións menores en Celeiro, cun orzamento estimado de 650.000 euros e e o reforzo do dique de abrigo, tamén do porto de Celeiro, cuxa tramitación previa contará con 30.000 euros no vindeiro exercicio.

Para o porto de San Cibrao, a Xunta contempla un investimento de 350.000 euros o vindeiro ano, que permitirán executar a obra de acondicionamento do locais de armadores.

Finalmente, contémplanse partidas de menor importe para outras actuacións que se atopan polo momento en fases máis iniciais. É o caso da mellora do abrigo cun contradique no porto de Morás, a día de hoxe en tramitación ambiental, e para a que destinan 121.000 euros de cara ao ano que ven; e a remodelación da dársena deportiva de Foz, aínda en fase preliminar, que conta cunha anualidade de 30.000 euros.