Skip to main content
Cervo

Cervo promove a reciclaxe da materia orgánica entre a veciñanza cunha nova campaña informativa

Por 13 Outubro, 2023Sin comentarios

‘Súmate ao Marrón, ten moita vida’ é a nova campaña divulgativa e informativa do Concello de Cervo coa que pretende achegar á veciñanza toda a información relativa á reciclaxe da materia orgánica e de promover o uso do novo contedor.

Este novo dispositivo é “unha das engrenaxes chave da economía circular para valorizar gran parte do lixo que xeramos nos nosos fogares tal e como nos vén establecido polas directivas europeas que están a marcar este rumbo”, explicou a rexedora, Dolores García Caramés, que presentou a iniciativa xunto coa edil de Medio Ambiente e Tenente Alcalde, Mali Méndez, nas instalacións municipais.

Neste senso, o Concello de Cervo vén de editar máis de 2000 exemplares dun folleto explicativo, que chegará nos vindeiros días a todos os fogares cervenses, no que se detallan polo miúdo sobre plano os puntos estratéxicos nas que se situarán con carácter inminente unha vintena de contedores marróns dentro do termo municipal.

No folleto tamén se difunden unha serie de charlas informativas que terán lugar os próximos 16 e 17 de outubro, en San Ciprián e en Cervo, respectivamente. Trátase duns encontros abertos á veciñanza coa colaboración da Mancomunidade de Municipios da Mariña que terán lugar na Casa da Cultura, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e na Casa do Concello, de 19.00 a 21.00 horas.

Nestas actividades darase resposta a todas as dúbidas que a veciñanza poida ter sobre a implantación deste novo colector. Tal e como puntualizou a rexedora, desde o Concello de Cervo “xa levamos moitos anos sensibilizados coa compostaxe doméstica, promovendo á súa práctica entre os fogares cervenses a través de diferentes iniciativas didácticas e tamén ofrecendo composteiros de balde ás familias; de feito a día de hoxe preto de 300 fogares fan o seu propio compost na casa”. Agora pretenden dar un paso máis coa instalación dos contedores marróns nunha vintena de puntos estratéxicos do Concello para “facilitarlle á veciñanza, na medida do posible este exercicio de corresponsabilidade que todos debemos asumir”.

Ademais, no folleto tamén se explica polo miúdo que tipo de residuos se poden depositar no contedor marrón tales como restos de todo tipo de comida, pousos de café, restos de plantas, flores ou papel de cociña usado. O seu tratamento realizarase na planta de biorresiduos situada no Polígono de Cuíña, que entrará en funcionamento proximamente, e que dará servizo a case 70.000 habitantes.