Skip to main content
Cervo

A Mancomunidade de Concellos da Mariña continúa formando ás empresas que participan na implantación do Sistema de Calidade Turística

Por 13 Outubro, 2023Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense mantén o proceso de formación para as empresas e servizos participantes na implantación do Sistema de Calidade Turística (SICTED). Esta iniciativa está realizada ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística e cofinanciado pola propia Mancomunidade coa colaboración da Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

O Conxunto Histórico de Sargadelos acolleu o terceiro seminario de formación dentro do calendario de actividades programadas para os participantes no SICTED da Mariña. Nesta ocasión, os representantes das empresas e servizos asistiron a unha xornada que se iniciou nas instalacións da Antiga Carboeira de Sargadelos coa benvida por parte da alcaldesa de Cervo, Dolores García.

A rexedora expuxo os traballos de posta en valor que se veñen acometendo nos últimos anos neste emblemático espazo turístico e cultural da Mariña. A xornada continuou cun seminario formativo e cun taller colectivo no que se abordaron temas como a satisfacción dos visitantes, os avances do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña (2022-2024) e a conformación da Mesa da Calidade do SICTED -órgano responsable de propoñer ao comité de distinción a concesión, renovación ou retirada dos distintivos-.

Nesta xuntanza tamén se analizaron temas que preocupan aos sectores público e privado, como a mobilidade ou a capacidade de carga do destino. A xornada completouse coa visita á Fábrica de Sargadelos para coñecer o proceso produtivo desta empresa referente da Mariña.

Actualmente, están tendo lugar as segundas asistencias técnicas que, de xeito individual, reciben os participantes para posteriormente acometer as avaliacións necesarias que permitirían acadar a distinción de calidade turística SICTED tras pasar pola Mesa de Calidade que terá lugar no mes de novembro.

O próximo ano a estas empresas sumaranse outros servizos e oficios turísticos da Mariña Lucense, incorporando tamén a novos sectores. A presidenta da Mancomunidade e alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, destacou que entre os obxectivos que pretenden acadar a través SICTED está axudar a “introducir ferramentas de xestión nas empresas para a mellora da calidade e favorecer a coordinación e o traballo en equipo a fin de alcanzar unha conciencia global do destino”.