Skip to main content
CervoMar AMARIÑAXA

O PSOE pídelle á Xunta desbloquear a VAC Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao

Por 19 Outubro, 2023Novembro 23rd, 2023Sin comentarios

A portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle o mércores á Xunta que desbloquee a VAC Costa Norte entre Ferrol e San Cibrao. A responsable socialista preguntou en Comisión sobre un proxecto anunciado en 2001 que debera ter sido finalizada en 2007, pero que a día de hoxe só ten rematados dous tramos que foran licitados no seu día polo goberno presidido polo socialista Pérez Touriño.

Otero criticou que o director da Axencia de Infraestruturas sinalara que o Goberno galego está a traballar en “vías prioritarias” nas dúas provincias, adiando sine die unha infraestrutura fundamental para romper co illamento das comarcas da Mariña e Ortegal. Criticou que defendan, por exemplo, outras vías de comunicación como A Gañidoira “e botan por terra o impulso á VAC Costa Norte”.

A socialista criticou que o goberno galego, no canto de desbloquear os 9 tramos que aínda quedan por executar desta vía, sinalen á alcaldesa de Viveiro, que tivo que adaptar o PXOM á modificación imposta polo goberno galego e coa que racharan o consenso no proxecto orixinal para a Ponte de Viveiro.

Ademais, explicou que a modificación iniciouse en 2011 pero ata 2017 non chegou o informe de Patrimonio, e o de Augas de Galicia retrasouse ata o ano 2022. Acusou á Administración autonómica de “faltar bastante á verdade”, e esixiulle que “se poñan a traballar e entre tódalas administracións atopen solución” para esta vía.

A responsable socialista explicou que a obra, anunciada polo goberno presidido por Fraga no 2001, tiña que rematar no 2007, pero foi abandonada nun caixón ata que chegou o goberno presidido polo socialista Pérez Touriño, que licitou os únicos dous tramos rematados ata o momento. Trátase da variante de Xove, en Lugo, inaugurada en 2017, e a variante de Ortigueira, inaugurada en 2013, pero dende ese momento a obra segue parada.