Skip to main content
Cervo

Os usuarios do programa Erasmus +, protagonistas na difusión da nova edición en Cervo

Por 19 Outubro, 2023Sin comentarios

A sala de exposición das Carboeiras, no Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, acolleu este xoves o acto de difusión do programa Erasmus +, unha experiencia que compartiron o pasado mes de xullo persoas usuarias da asociación Saúde Mental A Mariña e alumnado do IES Monte Castelo de Burela. O alumnado participou neste programa integrador que nesta ocasión se desenvolveu en Italia e tivo como duración unha semana.

No acto tiveron un protagonismo absoluto, sen dúbida, os mozos e mozas que participaron na experiencia Erasmus + como son Damián, Rebeca, Alin, Jorge, Ángela e Candela que desfrutaron desta viaxe co apoio do Concello de Cervo, entendendo que é unha oportunidade única para ampliar fronteiras e contribuír ao seu crecemento persoal.

Ademais,  estiveron a rexedora, Dolores García Caramés, a Directora Técnica Xeral e o Presidente de Saúde Mental A Mariña, María José Nóvoa e Jorge Manchado, respectivamente, o coordinador dos programas Erasmus, Marcelino Luna, a directora do Ies Monte Castelo, María del Carmen Naveira, ou o xefe territorial de Política Social da Xunta de Galicia, Javier Vázquez Nodal, entre outros asistentes,

Ampliar fronteiras

Na súa intervención a rexedora precisou que “é un auténtico orgullo para o Concello de Cervo poder acoller hoxe este bonito encontro co obxectivo de dar a coñecer esta experiencia Erasmus +, que me consta que foi moi enriquecedora para todas as persoas”.

Desde o Concello queren seguir axudando “para que estes proxectos tan bonitos se poidan materializar, porque son unha oportunidade única para que os rapaces amplíen fronteiras e que son tamén moi importantes para o seu desenvolvemento persoal”.

García Caramés puxo en valor a colaboración institucional que permitiu “xuntar neste proxecto a excelencia educativa, coa excelencia asistencial e terapéutica en prol das persoas con doenzas de saúde mental” e da súa integración real na comunidade, o que é un tándem perfecto. A rexedora rematou a súa intervención dándolle os parabéns a todos os axentes implicados no proxecto, “que estou segura que terá moito futuro”.