Skip to main content
Foz

Foz ofrecerá un programa de dixitalización dirixido ás mulleres do rural na Casa da Xuventude

Por 10 Outubro, 2023Outubro 23rd, 2023Sin comentarios

A partir do 17 de outubro, no Concello de Foz levarase a cabo o programa de formación Galegas Dixitais que pretende dixitalizar as mulleres do rural. Esta iniciativa impartirase na Aula CeMIT, situada na Casa da Xuventude.

O programa, que se compón de tres cursos, organizarase nos meses de outubro e novembro e “vai orientado a mulleres demandantes de emprego ou inscritas en solicitude de mellora do mesmo”, explica a concelleira de Muller e Igualdade, Elena Martínez Pena. Cada módulo componse de 40 horas e 5 horas de formación en igualdade e van desde o curso de Competencias Dixitais Básicas, que terá lugar do 17 ao 30 de outubro; o curso de Competencias Dixitais Avanzadas, que se organiza do 31 de outubro ao 14 de novembro; ata o curso de Iniciación en Competencias Básicas para o Emprendemento, do 15 ao 28 de novembro.

Cando as inscritas rematen, recibirán un título acreditativo,  emitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia e, se son quen de realizar os tres módulos, tamén recibirán ordenador portátil Chromebook de agasallo co que “as participantes poderán poñer en práctica todo o aprendido”, di Martínez Pena.

Deste xeito, a concelleira quixo animar a toda a poboación feminina demandante de emprego ou en situación de mellora a aproveitar a oportunidade para “ademais de mellorar as súas capacidades dixitais de cara ao seu día a día, esta formación pode aumentar as súas posibilidades de atopar emprego”.

Este martes 10 de outubro, levaranse a cabo na Casa da Cultura de Foz, organízanse dúas charlas informativas para todas as persoas interesadas e farase, ademais, unha primeira selección das posibles participantes nos diferentes cursos.

Aquelas mulleres que estean interesadas no programa, no que colabora o Concello a través da cesión das instalación, poden poñerse en contacto coa organización do programa nos teléfonos 604 044 841 e 698 197 518 ou a través no correo electrónico lugo@galegasdixitais.es.