Skip to main content
Ribadeo

O alcalde de Ribadeo pide reunirse con Medio Rural para concretar as medidas tras os incendios

Por 16 Outubro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, solicita unha reunión coa Consellería de Medio Rural para revisar as medidas despois dos incendios dos últimos días. “Queda analizar e concretar as medidas a adoptar, por iso creo que os alcaldes que sufrimos estes incendios pedimos esa reunión coa Consellería de Medio Rural”, explicou este luns.

Segundo as palabras de Vega, tanto ao alcalde de Foz como á alcaldesa de Trabada, “parécenos razoable concretar as medidas a adoptar nesa xuntanza. Agora non toca divagar senón que o que hai que facer é adoptar medidas que sexan eficaces”.

Dani Vega aproveitou a ocasión para agradecer todo o traballo realizado para o control e extinción do incendio aos diferentes axentes implicados. “Hoxe toca tamén as grazas a todas as persoas que loitaron, que defenderon e que estiveron en alerta permanente: aos brigadistas, aos técnicos forestais, a todas esas persoas que nos invadiron de medios. Creo que a Xunta fixo un bo traballo”.

Agradecemento á veciñanza

Tampouco quixo esquecerse dos Concellos, así como tampouco da veciñanza. “Grazas aos veciños de Ribadeo, que me sinto orgulloso deles, estiveron traballando incansablemente, polas noites cando estabamos todos permanentemente en alerta eles estaban axudando”. No seu discurso tamén estiveron presentes todas as persoas que “sen pensalo acudían aos lumes a axudar, a defender as casas e creo que hai que destacar esa gran labor que fixeron moitos gandeiros cos seus tractores e coas súas cisternas”.

O rexedor tamén dá as grazas aos distintos grupos políticos “ao PSOE e ao BNG, que estiveron colaborando, trasladando as súas preocupacións e apoiando ao goberno local. Grazas a todos os técnicos e traballadores municipais porque desde o minuto un se entregaron á causa”.

Á súa vez, recordou a forma de traballar do goberno. “Fomos un Concello que traballou rápido e dotamos de equipamento un pavillón para que todas as persoas que ao mellor tiñan que saír das súas casas tiveran un lugar no que aloxarse, ou incluso camas para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas”. Para Dani Vega este luns foi “ese día no que fas esa reflexión clara e rotunda, onde a palabra é grazas a todos por colaborar”.