Skip to main content
Mar AMARIÑAXAViveiro

Este sábado en Celeiro haberá un concerto homenaxe polo centenario da Confraría de pescadores

Por 6 Outubro, 2023Sin comentarios

A Agrupación musical de voces da localidade Sons de Celeiro actuará este sábado día 7, ás 20.30 horas, para render tributo e homenaxe á Confraría Santiago Apóstolo de Celeiro, para o que organizou un concerto-homenaxe coa idea de conmemorar o Centenario da entidade e ao mesmo tempo homenaxear a todos os homes do mar e do colectivo marítimo-pescador.

A homenaxe que tributará a formación que lidera o polifácetico cantautor vivariense Daniel Caxete, levará como título “Polos Camiños do Mar”, que toma o seu nome do último CD discográfico editado por este grupo musical. A formación musical, formada na actualidade por catorce integrantes, homenaxea así, e rende tributo á Confraría como institución e a todas aquelas persoas que ao longo da súa historia formaron parte do ente, así como por extensión a todo o sector pesqueiro, non en balde moitos dos seus integrantes son veciños que no seu día foron mariñeiros; é dicir “Sons de Celeiro” é un grupo con clara vocación pola tradición e cultura mariñeira, e nada mellor que as súas cancións impregnadas de “salitre” e “cheirume a mar” que lle confiren un sabor especial ás súas composicións.

O pobo de Celeiro ten esta fin de semana unha cita musical obrigada para “vibrar e navegar” coas composicións de Sons de Celeiro, á vez que gozar e revivir múltiples recordos. Ao parecer tamén as tripulacións do CR Celeiro tamén queren sumarse a esta iniciativa e participar neste pequeno acto de homenaxe encadrada dentro dos actos do centenario da entidade.