Skip to main content
Axenda CaducadaMonforte

Aberto o prazo para solicitar as axudas para a creación de empresas en Monforte

Por 31 Outubro, 2023Novembro 1st, 2023Sin comentarios

O prazo para solicitar as subvencións estará aberto dende hoxe día 31 de outubro ata o 30 de novembro, podendo acollerse os empresarios individuais e as PEME que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acaba de anunciar que, por sétimo ano consecutivo, o Concello convoca o Programa de axudas municipais á creación de empresa. Esta iniciativa mantén a finalidade de “colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais”, explicou o rexedor.

O prazo para solicitar as subvencións estará aberto dende hoxe día 31 de outubro ata o 30 de novembro, logo de que fora publicada onte a convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

As solicitudes poderán presentarse, mediante modelo normalizado, no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica municipal ou por calquera outro medio previsto pola Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Deberá dirixirse á Concellería de Facenda, Réxime Interior, Servizos Sociais e Discapacidade do Concello de Monforte de Lemos.

Beneficiarios das axudas

A estas axudas poderán acollerse os empresarios individuais e as pequenas e medianas empresas (PEME) que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023. Entenderase como inicio de actividade a alta no IAE.

A contía prevista ascende a 30.000 euros, sendo o importe máximo de cada axuda uns 1.500 euros, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados no período indicado. Cómpre destacar que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

Para poder solicitar estas subvencións, entre outros aspectos, é preciso ter o enderezo fiscal e social en Monforte e a actividade empresarial ten que ser de nova creación. Ademais, as persoas promotoras deben estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo. Por outra parte, os autónomos poderán ser beneficiarios das axudas cando formen parte dunha comunidade de bens, sociedades civís ou constitúan unha sociedade mercantil.

Gastos subvencionables

A convocatoria enmárcase no programa Promoción do emprego, ano 2023, que ten como obxectivo principal contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento e desenvolvemento sostibles, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local e facilitando a incorporación das persoas en situación de desemprego ó mercado laboral.

Deste xeito, preténdese subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa durante os primeiros meses da actividade. Deste xeito, os gastos que poderán ser subvencionables corresponderán aos realizados dende dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

Os gastos de constitución, as existencias iniciais de mercadoría, os gastos de aluguer de local, do vehículo industrial, de aplicacións informáticas e de equipos informáticos, as primas de seguros e as subministracións e gastos correntes son os conceptos subvencionables, quedando excluídos destas axudas calquera outro gasto non incluído neles. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.