Skip to main content
Comarca LUGOXAComarca SARRIAXA

Preto de 9.000 persoas utilizaron a Furgoteca en 20 concellos do rural

Por 24 Outubro, 2023Outubro 25th, 2023Sin comentarios

A Furgoteca, o novo servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia que desde o pasado mes de marzo percorre un total de 20 concellos rurais das provincias de Lugo e Ourense suma xa preto de 9.000 visitas. Así o anunciou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que, coincidindo coa véspera da celebración do Día das bibliotecas, reuniuse cos alcaldes dos concellos lucenses incluídos nesta iniciativa.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, o funcionamento deste servizo encádrase nos obxectivos da nova Lei de Cultura Inclusiva e Accesible de Galicia, que está actualmente na última fase de tramitación tras o seu paso polo Consello ao “garantir o acceso á cultura a todos os galegos sexa cal sexa o territorio no que viven”. “Chegamos a aqueles concellos nos que non existe servizo de biblioteca dando resposta ás necesidades da poboación para que vivan en igualdade de condicións”, engadiu.

Desde a posta en marcha de A furgoteca realizouse unha media mensual de máis de 1.000 préstamos. Así, ademais de ofrecer libros, películas, música, xogos e publicacións periódicas, este servizo tamén serviu para tramitar 1.200 altas no carné e ofrecer aos usuarios conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora.

No caso da provincia de Lugo, o servizo está en funcionamento nos concellos de Baleira, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela e acumula xa máis de 4.500 visitas e preto de 4.500 préstamos de exemplares.

En canto a provincia de Ourense, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta percorre os concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, A Gudiña, Laza, Oímbra, Trasmiras e Vilardevós e desde a súa posta en marcha recibiu a case 4.500 usuarios e houbo 3.200 recollidas de libros.

Esta iniciativa ven acompañada dunha intensa actividade cultural. Deste xeito, desde o inicio da actividade organizáronse máis de 240 actividades que contaron coa asistencia de case 4.500 persoas. No caso da provincia de Lugo a axenda incluíu 135 actividades arredor do libro e a lectura, ás que asistiron case 2.300 persoas, mentres que nos concellos de Ourense programáronse un centenar de propostas que sumaron máis de 2.000 participantes.

Ata finais de ano

O servizo de bibliotecas móbiles da Xunta de Galicia continuará ata final de ano percorrendo o rural das provincias de Lugo e Ourense. Organízase de tal xeito que un dos días A furgoteca se asentará nos lugares de maior afluencia de público, onde se celebran feiras e mercados e hai centros de saúde, residencias, pavillóns de deportes ou centros socioculturais. O segundo día a biblioteca móbil realizará un percorrido polos núcleos e aldeas para ofrecer un servizo personalizado porta a porta.

Con esta medida, a Xunta dá resposta aos obxectivos do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta dotada con 34M€ coa que o Goberno galego acompaña a expansión do sector cultural a través dunha batería de medidas para a innovación, modernización, dixitalización e acceso universal á cultura. Ademais, continúa a reforzar o sistema bibliotecario galego que, segundo o II Mapa de Bibliotecas Públicas, está composto por un total de 295 servizos bibliotecarios compostos por máis de 6,6 millóns de exemplares, 17.000 postos de lectura e máis de 4.100 postos informatizados.