Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

A Fundación Breogán arranca o proxecto de baloncesto inclusivo

Por 20 Outubro, 2023Sin comentarios

Por segundo ano, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia o proxecto de baloncesto inclusivo Persoas, orientado a promover a práctica do baloncesto entre persoas con capacidades diferentes da man da Fundación Breogán.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado de Deportes Efrén Castro asistiu esta tarde ao primeiro adestramento do grupo, do que forman parte quince rapaces e rapazas e que está aberto a novas incorporacións.

O responsábel provincial destacou “a continuidade do proxecto, que se puxo en marcha a pasada temporada, como unha alternativa de ocio e actividade física máis para a mocidade” e valorou “a contribución desta iniciativa a ampliar o acceso ao baloncesto e reforzar a dimensión social e inclusiva do deporte”.

As sesións de adestramento serán todos os xoves, de 16.00 a 17.00 horas no Pazo dos Deportes. Están dirixidas por Salva Arco, ex xogador do CB Breogán e director da Fundación Breogán, e contarán co apoio de persoal de Raiolas, Afalu e Adace Lugo.

Complementariamente á práctica deportiva, organizaranse actividades como visitas dos xogadores do C.B. Breogán aos adestramentos ou asistencia a encontros do C.B. Breogán.

O obxectivo do proxecto, que conta tamén coa colaboración da USC, é normalizar a nivel social a práctica deportiva das persoas con discapacidades, xenerar as mesmas oportunidades entre as persoas con discapacidade e as que non as teñen, axudar na mellora do seu nivel de desenrolo motor e socio-afectivo, así como aumentar a súa autoestima, confianza ou autonomía.

As persoas interesadas en participar deste proxecto deportivo aínda poden anotarse a través do formulario dispoñible na web e nas redes sociais da Fundación Breogán.