Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O Lugo Sala presentou os 21 equipos desta tempada nunha gran festa

Por 23 Outubro, 2023Sin comentarios

Coa tempada 2023-2024 xa en marcha e o inicio aos poucos de todas as competicións ligueiras, este domingo 22 de outubro tivo lugar no Pazo Municipal dos Deportes de Lugo a presentación oficial da nova campaña de Lugo Sala, co desfile dos 21 equipos que conforman neste curso as categorías inferiores da entidade e no que foi o seu gran día coa posta de longo para todos os xogadores e xogadoras que superan este ano os 250 deportistas.

Esta tempada é moi especial, xa que en maio do próximo ano 2024 a entidade cumprirá os seus primeiros 10 anos de existencia. “Estamos por tanto nun momento clave do proxecto, totalmente asentado na cidade e recoñecido tanto a nivel autonómico como nacional. Cunha estrutura profesionalizada e en constante crecemento ano a ano e unha masa social que cada día segue aumentando, xunto cun primeiro equipo que é o espello onde se miran todos os nosos xogadores e que ten o reto e obxectivo de buscar o salto á 2ª división do fútbol sala español”, din desde o club.

Neste día de festa, tras o desfile de todos os xogadores e xogadoras, houbo intervención por parte das autoridades presentes, para finalizar o evento coa realización das fotos oficiais da tempada, tanto dos persoais como a gran foto de familia de todo o club.

A xornada do domingo tivo como colofón final o partido do primeiro equipo xa que Lugo Sala disputou o choque da 6ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B ante o Rácing de Mieres, no que os de Guillermo Martínez venceron por 2-1 para brindarlle á Escola e á afección unha nova vitoria nun día tan especial.