Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Os pavillóns municipais acollerán as competicións federadas de baloncesto durante as obras do Anexo

Por 25 Outubro, 2023Sin comentarios

A concellería de Deportes puxo a disposición da Federación Galega de Baloncesto o Polideportivo Municipal de Frigsa para acoller as competicións federadas de baloncesto tanto en canto duren os traballos de mellora do Anexo ao Pazo Universitario dos Deportes que está a executar a Deputación provincial.

Así o anunciou esta mañá o edil Jorge Bustos, tras manter un encontro co responsable territorial da FGB onde ambos aproveitaron para supervisar as pistas de xogo cedidas polo Concello. “Desde o Goberno local queremos garantir que as competicións das diferentes categorías do baloncesto galego que se celebran na nosa cidade poidan continuar con normalidade o tempo que duren os traballos de renovación da actual sede”, asegurou.

Esta iniciativa tómase tras a petición expresa da Delegación provincial da FGB. “ Poxémonos a disposición do baloncesto lucense desde o primeiro momento e, froito deste ofrecemento, trasladáronos esta solicitude na que nos puxemos a traballar de inmediato. A previsión é que se celebren en Frigsa todas das xornadas ata o vindeiro 12 de novembro sen descartar que a cesión teña que prolongarse polas necesidades que xurdan na remodelación do Anexo”, sinalou o concelleiro.

Os partidos disputaranse os domingos en horario de tarde, desde as 17 horas ata as 21 horas. “Esta ampliación do horario supón a contratación dunha persoa nese horario para pór a instalación a disposición da Delegación da Federación Galega de Baloncesto e os seus equipos de xeito que se poida desenvolver el calendario competitivo previsto”, concluíu Bustos.