Skip to main content
Antas de Ulla

Tomé Roca destaca o éxito da XI Marcha Ciclista Unificada que se celebrou en Antas

Por 6 Outubro, 2023Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron nos actos de apertura e peche da XI Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics que se celebrou no concello de Antas de Ulla. Unha actividade que forma parte do programa deportivo que leva a cabo a entidade galega para promover a práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e ao que a Deputación de Lugo achega 12.000 euros.

“Esta Marcha Ciclista Unificada chega xa á súa edición número once, unha moi boa noticia, porque reflexa o desexo das persoas con diversidade funcional ou intelectual por levar adiante unha vida plena e de integración a todos os niveis”, sinalou o mandatario provincial logo de dar a benvida á provincia “a toda a familia de Special Olympics”. Ao acto acudiu tamén o Presidente da entidade, Eladio Fernández.

Destacou Tomé Roca que o éxito da cita “é un exemplo do dinamismo e da forza do tecido asociativo vinculado co ámbito social, que traballa, cada día, para avanzar no acceso das persoas, con independencia das súas circunstancias, a todos os dereitos que lles corresponden como cidadáns, por suposto, tamén o dereito ao lecer de calidade”. Un obxectivo ao que contribúe a Deputación de Lugo, tal e como subliñou o seu Presidente, “situando as políticas sociais como unha prioridade na acción de goberno e colaborando con todo ese tecido asociativo, como é o caso de Special Olympics, no seu labor para acadar unha sociedade máis xusta e máis igualitaria a través da inclusión”.

José Tomé puxo en valor o traballo da Alcaldesa e do seu equipo “para que Antas de Ulla acolla este evento deportivo e social de primeiro nivel”; engadindo que Antas é o centro xeográfico de Galicia, pero, “co bo facer da súa Alcaldesa, vai ser tamén un punto de referencia en políticas de progreso, de igualdade, de integración e de loita polos dereitos do rural”, unhas políticas que respalda a Deputación.

Os valores do deporte para avanzar en igualdade

Na cita participaron unhas 35 persoas de 6 entidades diferentes: As Burgas de Ourense; Prodeme de Monforte de Lemos; a Fundación Eu Son de Burela; Aspas de Santiago e os clubs ciclistas San Miguel de Monterroso e de Monforte. Tomé Roca felicitounos á súa chegada á meta, sinalando que, “cando falamos de deporte, sempre dicimos que o importante é participar. No caso dos atletas de Special Olympics, cada participación é un triunfo. Un triunfo de cada persoa, das súas familias e do seu entorno. Un triunfo que ten detrás moito esforzo, pero tamén moitas satisfaccións e pasos cara adiante”.

“O deporte é integración, é convivencia e é respecto. Uns valores que son os que necesitamos impulsar na sociedade para seguir avanzando en igualdade, para loitar contra calquera tipo de discriminación”, apuntou o Presidente.

Pola súa banda, García Porto agradeceu a presencia do alumnado do CEIP Plurilingüe de Antas e reivindicou o lema de Special Olympics como “unha lección de vida: o máis importante é ter a valentía de acabar a proba para poder gañar”. En liña coas palabras do Presidente da Deputación, sinalou que “Antas é o centro xerográfico de Galicia, e quere ser o centro de moitas probas coma esta, que reúnen o mellor dos valores deportivos e sociais”.