Skip to main content
Castroverde

O PP de Castroverde insta ao desbroce dos camiños

Por 25 Outubro, 2023Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Castroverde ve con inquietude e preocupación a desidia do alcalde, José María Arias, en canto ao mantemento da rede viaria municipal. “Os veciños podemos apreciar o aumento na precariedade do firme de gran parte das pistas e agora tamén a despreocupación do goberno local en canto aos labores de roza que debería ter executado en tempo e forma en toda a rede viaria municipal”, sinalan os concelleiros populares.

“Nestes días pasados foron varios os veciños e veciñas que se puxeron en contacto co noso grupo para mostrar o desencanto e o malestar ao ver que estamos a mediados de outubro, pero moitas pistas do Concello non teñen aínda desbrozadas as cunetas e noutras só se fixo unha liña de roza a cada lateral”. Os populares consideran que isto é “insuficiente para que os veciños poidan transitar por elas sen que xeren perigo por falta de espazo e visibilidade”.

O portavoz, Pablo Figueiras, solicita ao alcalde que se tome en serio a petición -que non é só deste grupo, senón dunha gran parte da veciñanza- e que acelere e mellore eses labores de roza na rede viaria.

PLAN DE MANTEMENTO

O Grupo Municipal Popular de Castroverde insta ao equipo de goberno a que elabore un plan de mantemento de estradas municipais que, ademais de establecer un esforzo importante no mantemento e mellora do firme, tamén recolla un plan de rozas adaptado ás necesidades de cada pista e lugar.

Pablo Figueiras e o seu equipo están dispostos a colaborar na redacción do mesmo vendo que “o alcalde nin mostra interese nin o vemos capacitado para a elaboración nin execución do mesmo e que esa incompetencia a van sufrir no día a día todos os veciños e veciñas de Castroverde”.