Skip to main content
O Corgo

Arranca no Corgo unha nova edición do Outono Gastronómico

Por 5 Outubro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia ten en marcha ata o 17 de decembro a 17ª edición do programa Outono Gastronómico de Turismo Rural, a iniciativa coa que cada ano promove as viaxes fóra da tempada alta combinando o turismo rural e a gastronomía e apoiando ao sector. Participan 22 establecementos repartidos por toda a provincia de Lugo.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou un dos aloxamentos adheridos, A Fervenza -no concello do Corgo-, para dar a coñecer os detalles desta iniciativa, á que están adscritos 79 negocios de toda Galicia.

Os consumidores poden escoller entre diferentes modalidades que inclúen menús especialmente deseñados para esta campaña, así como estadías dunha noite ou dunha fin de semana. Adicionalmente, algúns establecementos ofrecen actividades complementarias pola contorna, como visitas a museos e adegas, rutas ou xogos de Escape Room. Tamén hai paquetes para familias con nenos e nenas.

Arias destacou que o obxectivo deste programa é “dinamizar a oferta turística fóra das épocas de maior ocupación”, en liña con outras iniciativas como o bono turístico #DescubreGaliciaenoutono, que está previsto que saia este mes.

“Son medidas con moita demanda que incentivan o consumo fóra da tempada alta e xeran riqueza, por iso a Xunta volve poñelas en marcha”, dixo o delegado.

Na provincia de Lugo sumáronse ao 17º Outono Gastronómico dez casas de turismo rural da Zona Sur -situadas en Folgoso do Courel, Pantón, Sober, Chantada, O Saviñao e Quiroga -; catro da Mariña -en Cervo, Foz, Trabada e Lourenzá -; catro da comarca de Lugo -en Lugo, O Corgo, Castroverde e Portomarín -; e outras catro en Monterroso, Sarria, Cervantes e As Nogais. A oferta completa, os negocios adheridos e os prezos das diferentes promocións poden consultarse na páxina web de Turismo de Galicia.