Skip to main content
Lugo

A CEL e a Fundación Venancio Salcines promoverán accións de inserción laboral

Por 2 Outubro, 2023Sin comentarios

A colaboración enmárcase no ámbito do Programa Retorna Cualifica Emprego da Xunta, para dar mellor cobertura de postos de traballo vacantes, e do Plan Xeración Dixital Pemes do Goberno de España, para impulsar a transformación dixital.

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Fundación Venancio Salcines subscribiron esta mañá un acordo de colaboración en virtude do cal desenvolverán conxuntamente actividades formativas e de inserción laboral orientadas a equipos directivos de pemes, traballadores e desempregados da provincia de Lugo. O acto de firma tivo lugar na sede central da CEL entre Venancio Salcines, presidente da Fundación que leva o seu nome e de efbs Grupo Educativo, e Jaime López, secretario xeral de organización empresarial lucense.

Esta colaboración entre ámbalas dúas entidades enmárcase, por unha banda, no ámbito do Programa Retorna Cualifica Emprego, impulsado pola Xunta de Galicia e que a Fundación Venancio Salcines está implementando. O programa Retorna busca facilitar o regreso de 30.000 galegos e galegas do exterior ao longo do próximos catro anos, contribuíndo desta forma a paliar o progresivo envellecemento da poboación, especialmente perentoria na provincia de Lugo, e a dificultade ou imposibilidade para cubrir determinados postos de traballo vacantes nalgúns sectores de actividade.

Ao mesmo tempo, o convenio asinado permitirá pór en marcha o plan de formación Dixital Pemes, dirixido a directivos e responsables de equipo para facilitar a transformación dixital das pemes e financiado a través de Fondos Next Generation UE. O Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, elixiu á escola de negocios ef Business School, que forma parte de efbs Grupo Educativo, e a CESUGA (Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia) como partners principais para impartir estes cursos tanto en Galicia como en Asturias e País Vasco. Para este proxecto concreto, efbs Grupo Educativo e CESUGA farán uso de forma compartida das instalacións da Escola de Empresarios da CEL.

Consello Asesor CEL

Ao mesmo tempo, o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA), do que Venancio Salcines é presidente do consello reitor, intégrase no Consello Asesor da CEL, o organismo interno da organización empresarial que agrupa empresas e entidades con presenza na provincia de Lugo que, pola súa especial traxectoria, dimensión, actividade ou calquera outra circunstancia, se constitúen en grupo de apoio, análise, debate e fonte de propostas para a CEL.

Na actualidade son máis de corenta as empresas que o conforman. A integración de CESUGA é a terceira este ano, tras a incorporación de Grupo Isonor e Mourín Saúde.

Fundación Venancio Salcines

A Fundación Venancio Salcines é unha entidade dedicada á promoción do desenvolvemento educativo, social e cultural de Galicia. O seu padroado está conformado por empresas vencelladas ao seu fundador, Venancio Salcines, e adicadas, entroutras, a actividades formativas, como é o caso de efbs Grupo Educativo e CESUGA.