Skip to main content
Lugo

Arrancan hoxe co pregón as festas de San Froilán

Por 4 Outubro, 2023Sin comentarios

Arranca hoxe o programa das festas de San Froilán 2023, “a gran festa do outono galego, que entre o 4 e o 12 de outubro, encherá as rúas de Lugo con preto de 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais, dando lugar a un programa do San Froilán no que todas as veciñas e veciños de Lugo atoparán unha actividade do seu gusto.

As agrupacións locais terán o protagonismo nos concertos e nas actividades de rúa con máis de 50 grupos de Lugo e concertos de primeiro nivel con nomes como Elíades Ochoa, Rayden, La M.O.D.A., Ciudad Jara, Luar na Lubre ou Baiuca, entre outros.

A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradicional, que este ano celebra a súa 51 edición ou o desfile do gando.

O programa inclúe actividades xa consolidadas, como o XXI Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D’antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.

As familias contarán con 21 actividades de calidade, que se celebrarán tanto na carpa do aparcadoiro do Seminario como nas rúas de Lugo dentro do San Froilán Miúdo.

En total, o programa conta con 50 concertos en escenario e preto de 90 actividades de rúa, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, maxia, humor e animación nos barrios.

ORZAMENTO

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que o San Froilán 2023 conta cun orzamento próximo aos 700.000€ de aportación municipal, que se complementa coa participación de diversos patrocinadores e institucións. A edil de Cultura e o Tenente Alcalde criticaron a aportación da Xunta de Galicia ás festas. “Mentres que a Deputación de Lugo colabora con 150.000€, a Xunta, a través da Axencia Galega de Turismo, achega 25.000€, unha cantidade irrisoria que non chega a cubrir nin un dos concertos da praza Horta do Seminario”, declarou Rubén Arroxo. O Tenente Alcalde afirmou que “a Xunta demostra novamente que non lles importa nin Lugo nin o San Froilán, a gran festa do outono galego”. Ambos valoraron positivamente a aportación privada, que supera nesta edición os 31.500€.

PROGRAMA DEPORTIVO

As festas complétanse coa organización de máis dunha ducia de eventos e trofeos que conmemoran as festas patronais.

Ata o 12 de outubro, Lugo concentrará citas deportivas de diferentes modalidades entre as que se atopan o judo, o atletismo, o fútbol, o béisbol, o sóftball, o golf, o hóckey en liña ou o voleibol. “A estes trofeos de carácter extraordinario, que conmemoran a figura de San Froilán e que, sen dúbida, axudarán a impregnar as festas dos valores que transmite o deporte, súmanse ás competicións profesionais do Río Breogán, o Ensino, o Emevé e o CD Lugo. A celebración destes encontros nunhas datas tan sinaladas vai contribuír a incrementar a afluencia de público foráneo e, por tanto, á difusión dos nosos festexos”, valorou o concelleiro, que estima que esta considerable concentración de citas deportivas reportará máis de 3.000 visitantes e máis dun millar de participantes.

AUTOBUSES

Establecéronse tamén os horarios especiais das distintas liñas de bus urbano que se aplicarán durante o San Froilán. Arroxo explicou que “as principais liñas que comunican o centro coas distintas zonas da cidade ampliarán o horario de servizo ata as 3 da mañá para permitir a toda a veciñanza que queira asistir ás festas poder volver á casa de maneira segura”.
Os aparcadoiros do Pazo provincial dos Deportes e o das Termas funcionarán como aparcadoiros disuasorios de gran capacidade, onde se poderá deixar o coche e achegarse en bus ata o centro da cidade.

SEGURIDADE

A Policía Local reforzará todos os turnos, especialmente durante os festivos e as fins de semana, poñendo en marcha un dispositivo especial de vixilancia que estará operativo dende as oito da mañá ata as seis da madrugada. Dispoñerase unha media de catro patrullas no recinto feiral e outras tres na zona de influencia do mesmo. Haberá reforzos das patrullas nas zonas onde se concentran un maior número de persoas, así como controis nos puntos de acceso da cidade.

PROGRAMA PARA HOXE

20.00 h. Pregón a cargo de SONIA VILLAPOL SALGADO no balcón da Casa do Concello.

20.30 h. Os Pelúdez entre nós + Xigantes e Cabezudos + Cántigas e frores no pregón, na praza Maior e Campo Castelo.

21.00 h. Pasarrúas de A Volta do Agro pola Tineria, rúa Nova e praza da Soidade.

21.00 h. Concerto de LOU MARINI & RED HOUSE REVIVAL na praza Santa María. Ás 20h Teloneiros: Moondanal.

21.30 h. IV ELECTRONIC MUSIC FEST con Dj Frisco & Marcos Peón + Yaser + Hugo Leivas + Juan Chousa, na praza da Mosqueira ata ás 1.30h.

21.30 h. Actuación da charanga LOUBAND polo recinto histórico, zona dos viños e Tineria.

22.00 h. Concerto de CAROLINA DURANTE na praza Horta do Seminario. Ás 21h Teloneiros: Berta Franklin.

23.00 h. Concerto de TRIQUELL na praza Santa María.

00.30 h. A DUENDENETA na praza da Soidade.

SAN FROILÁN MIÚDO

18.30 h. Ritmo Lugo. Baile.