Skip to main content
Lugo

“O San Froilán é unha mestura do tradicional e a modernidade”

Por 7 Outubro, 2023Outubro 8th, 2023Sin comentarios

Maite Ferreiro Tallón é a concelleira de cultura e organizadora das festas.

Que novidades haberá con respecto a outros anos?

Como cada ano, contamos con artistas de renome e calidade. Deste xeito, incluímos unha maior variedade de xéneros, dende música tradicional a ritmos máis contemporáneos co fin de chegar a todo tipo de gustos e idades. Tamén continuamos ampliando a nosa oferta cultural con actividades, feiras e exposicións que representen as nosas tradicións e a diversidade e talentos.

No apartado deportivo que destacamos? Porque moitas veces parece que se deixa un pouco de lado.

Dende o Concello de Lugo nunca esquecemos a importancia que as actividades deportivas teñen entre a nosa poboación. Por iso mesmo, o San Froilán conta cunha gran variedade de opcións que inclúen diversas actividades ligadas ao deporte.
Entre elas, por exemplo, atopamos a celebración do ‘III Torneo de Voléibol San Froilán’ na Casa do Deporte; un partido da Primeira Federación entre o CD Lugo-Nastic no Anxo Carro; o ‘Open San Froilán de Dardos Billar Pool’ organizado por Tiempos Modernos; ou o partido da Liga Feminina Endesa que disputarán o Durán Maquinaría Ensino e o Movistar Estudantes no Pazo dos Deportes, entre outros moitos.

Por que se escolleu á pregoeira e á oferente?

Sonia Villapol é unha importantísima investigadora e actualmente profesora no Center for Neuroregeneration no Houston Methodist Hospital Research. Leva adiante unha impecable carreira na que estuda os danos cerebrais e as enfermidades neurodexenerativas. No 2023 publicou o seu primeiro libro, Consciencia. A ciencia que nos rescatou da pandemia, no que fai un percorrido polos descubrimentos da covid e as súas consecuencias na saúde mental. Dende o Goberno de Lugo vimos nela un importante perfil a destacar e un exemplo de que nunca debemos esquecer as nosas raíces e que a investigación tamén se pode explicar en galego. A actriz Melania Cruz, luguesa de nacemento, conta tamén cunha importante traxectoria, neste caso en cinema, televisión e teatro. Comezou a súa carreira no teatro afeccionado, antes de obter o título, e xa conta con importantes premios dentro do gremio. É lucense con orgullo e, ademais, unha das 10 lucenses do ano escollidas para o 2023. Un dato curioso é que foi a actriz que protagonizou a primeira longametraxe que se fixo sobre Rosalía de Castro.

Tense falado de novo da opción de contratar concertos de pago para ter artistas de máis elevado caché. Cal é a opinión do Goberno?

As festas de Lugo son un evento especial no que todas as persoas deberían poder participar libremente, sen barreira de ningún tipo e, polo tanto, tampouco económica. Non todas as persoas poden permitirse pagar entradas, o que excluiría a moitas familias de desfrutar dos concertos do San Froilán. As festas patronais son unha tradición arraigada na nosa cultura e deben ser accesibles para todos e todas.

Imaxino que este ano teñen cabida de novo os artistas de Lugo?

Os artistas e grupos locais son, como cada ano, protagonistas destas festas, nas que contaremos con máis de 50 actividades protagonizadas por veciñas e veciños de Lugo. Os grupos locais actuarán nos escenarios principais das festas, como teloneiros e con espazos propios nas distintas actividades do San Froilán. Buscamos sempre variedade de estilos para que estas sexan as festas de todas e todos os lucenses.

Que proxectos hai para outras edicións? Hai plans de futuro?

Dende o Goberno de Lugo estamos sempre emocionadas polo futuro das nosas festas. Buscamos sempre formas de mellorar e sorprender a toda a poboación lucense e ás persoas que nos visitan. Aínda que non podo revelar detalles específicos neste momento, si que podo confirmar que estamos continuamente traballando para que saia un proxecto cada vez máis memorable edición tras edición. O noso compromiso é seguir facendo de cada San Froilán unha data inesquecible e de futuro para toda persoa que decide achegarse.

Os últimos anos xerou conflito a instalación das casetas. Como está este ano a situación?

Este ano contamos con tres casetas de polbo que atenderán a visitantes e lucenses e completará a oferta gastronómica. Atendemos á solicitude das e dos hostaleiros mantendo uns prezos asequibles nas casetas, sen esquecer que supoñen un símbolo das festas do San Froilán, polo que toda a veciñanza debe ter o dereito a poder desfrutalas. Os prezos marcados dende o Concello son 14€ a ración de polbo, a ración de cachelos a 2€, a ración de pan a 1€ e a botella de viño a 6€.

E co feiral e os barraquistas?

O feiral manterase no lugar que é tradicional nas festas do San Froilán e procuramos manter o espírito tradicional das festas. Os barraquistas poderanse instalar nos seus postos correspondentes dende o 29 de setembro ata o 12 de outubro.

Que significan estas festas para Lugo?

O San Froilán é un evento emblemático para Lugo que representa non só unha celebración das nosas raíces culturais e tradicións, é un xeito de entender e vivir as nosas festas: a mestura do tradicional e a modernidade. Son, polo tanto, unha ocasión idónea para destacar os encantos e as oportunidades da nosa cidade: dende a nosa comida ou a nosa historia, ata a nosa xente. Son un punto culminante no noso calendario anual que marca o comezo dunha nova tempada para todas as que estamos alí compartindo momentos especiais. O San Froilán é unha fonte de orgullo, sen esquecer, por suposto, os beneficios económicos e turísticos que trae para a comunidade.

Canto tempo leva organizar as festas?

A organización das festas é un proceso que leva moito tempo e moita dedicación. Polo xeral, comezamos a planificalas con varios meses de antelación. Hai que ter en conta que debemos seleccionar artistas e espectáculos, planificar a seguridade, a limpeza, a colocación dos postos e das barracas e outras moitas tarefas importantes. A organización implica o traballo de moitos servizos do Concello, un equipo de profesionais que traballan para asegurarse de que o San Froilán sexa un éxito. De feito, xa estamos pensando nas festas do ano 2024.

Como foi a súa evolución?

A evolución das nosas festas é un proceso que se foi adaptando aos propios cambios da sociedade. Sen esquecer nunca as nosas tradicións, adaptamos o San Froilán ás peticións e ás necesidades da poboación. Para iso, ampliamos a oferta de actividades, involucramos a asociacións e comerciantes e respectamos a nosa contorna mediante prácticas máis sostibles. Un exemplo desta evolución é, por nomear algún, o feito de instalar casetas de lactancia para facilitar unha acción tan natural ou unha atención especial para persoas xordas.

Que investimento se fai nestas festas e de onde procede?

O orzamento ascende a algo máis de 700.000 euros e contamos coa axuda da Deputación Provincial, con 150.000 euros. Por parte da Xunta de Galicia case non obtivemos apoio, xa que tan só doan 25.000 euros a través da Axencia Galega de Turismo. Hai que valorar positivamente a aportación privada, que supera nesta edición os 31.500 euros.