Skip to main content
Lugo

A Rede Museística acolle un encontro sobre emprego e saúde mental

Por 10 Outubro, 2023Sin comentarios

O Pazo de San Marcos acolleu este luns un encontro sobre emprego e saúde mental organizado pola Rede Museística Provincial, baixo o título Empregar sen prexuízos. Creando oportunidades.

Representantes da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES), da Asociación lucense pola recuperación e a integración das persoas con transtornos mentais (ALUME), profesionais da saúde menal e persoal dos museos provinciais participaron na mesa redonda, na que se avaliou a colaboración que a Rede Museística e as asociacións manteñen desde hai nove anos no ámbito laboral, a través da contratación de persoas en prácticas nos museos provinciais.

A mesa, na que participou a deputada de Cultura Iria Castro, desenvolveuse no marco do Foro Expandido de Museoloxía social da Rede Museística, ao fío do lema do Día da Saúde Mental – 10 de outubro – para este ano “A nosa saúde mental, os nosos dereitos”, afondando nos recursos e mecanismos a desenvolver para avanzar nos dereitos das persoas con enfermidades mentais no mundo laboral, e contou tamén coa participación da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, incorporando ao debate á empresa privada.

A Saúde Mental na RMPL

O traballo de investigación desenvolto polo equipo da RMPL arroxou datos novidosos ao atopar no Museo Pazo de Tor o primeiro proxecto dun psiquiátrico para Galicia ou ao coñecer que no Museo Provincial de Lugo houbo 11 celas adicadas a psiquiátrico.

Resultado destas investigacións, neste 2023 abríase no Museo Pazo de Tor un novo espazo, Labirintos Mentais, que repasa a historia da enfermidade mental e dos manicomios en Galicia e en particular, na provincia de Lugo.

Nesta ocasión, vaise un paso máis alá no tratamento da enfermidade mental e a RMPL organizou para o 9 de outubro a mesa redonda Encontros na Rede sobre Emprego e Saúde Mental, Empregar sen prexuizos, Creando oportunidades.

Esta actividade encadrada no Foro expandido de museoloxía social quere servir para preguntarse que podemos facer ante a enfermidade mental e facelo desde o mundo laboral, “Queremos coñecer que necesita unha persoa con enfermidade mental no contexto laboral para afrontar o día a día. E tamén que necesitan seus compañeiros/as para afrontar e axudar as situacións de crise que se dean. Tratamos de chegar a cada parte desa relación laboral para axudar a protexer a diversidade. Somos museos reais e vemos os problemas reais. Traballamos no noso día a día coa saúde mental. Son temas que por moito que se oculten forman parte da realidade e con estes encontros queremos crear foros de sabedoría para que as persoas do común compartan as súas experiencias”, sinala Encarna Lago, Xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.

A cita de 11:00h a 13:00h na sala de exposición da Deputación de Lugo coa participación de traballadoras e traballadores, representación de Feafes (Federación de Asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia) e integrantes de asociación empresariais.

Outras actividades no Foro de Museoloxía Social

A Rede Museística Provincial de Lugo programa tamén para este mes novas actividades do Foro expandido de museoloxía social, con dúas propostas para visibilizar dúas efemérides.

• 13 de outubro, Día mundial da Visión
• 15 de outubro, Día internacional das Mulleres Rurais

Para visibilizar desde a RMPL o Día Mundial da Visión, lévase ao Museo de Arte Africano Arellano Alonso de Valladolid a exposición Fotografía a Cegas. A inauguración será o 11 de outubro ás 17:30. Con este xa son 13 anos presentando en exposición o resultado dos talleres de fotografía para cegos nos que as imaxes acompáñanse do contexto como apoio e estímulo ao impulso, fotografía creativa desde unha experiencia sensorial. A edición deste ano leva por título “Olladas Sensibles”.

Encarna Lago destaca, “Reivindicamos proxectos que serven para a vida das persoas, proxectos de continuidade. A RMPL adaptou os postos de traballo para incorporar a persoas con discapacidade nunha aposta da Vicepresidencia por traballar a inclusión e a accesibilidade.”

Mulleres das/nas aldeas

O día 14 de outubro, a RMPL inicia no Museo Provincial do Mar e no Museo Fortaleza de San Paio de Narla un novo proxecto relacionado coa muller, ademais de todos os proxectos que se seguen desenvolvendo e que afondan na relación da muller coa realidade territorial e na diversidade de mulleres que habitan os lugares.

Entre as 17:00h e 19:00h en San Paio de Narla celebrarase un encontro coas mulleres de Friol para reivindicar a diversidade e o orgullo de ser das aldeas. Dará así comezo un novo proxecto, Mulleres das / nas Aldeas, coa participación de Recolectoras: Memoria e terra. Presentaranse tamén os catálogos Soterradas e Memoria e terra e farase entrega das obras de arte feitas durante o proxecto Memoria e terra.

Pola mañá, en horario de 11:00 a 12:30 no Museo Provincial do Mar desenvolverase un taller para cativas/os de 4 a 14 anos. Coa mesma temática, Mulleres das / nas aldeas, abordarase como é o día a día da vida no campo e no mar. Como era a vida antes na nosa aldea? Como a imaxinan as/os cativas/os?